O Teleclub de Sante será obxecto dunha reforma integral para mellorar a accesibilidade e o uso veciñal

AMariñaXa
O Concello de Trabada investirá máis de 50.000 euros na renovación completa do local, coa colaboración da Deputación de Lugo
Trabada-mellora-teleclub-Sante-2026
9 Jan 2026

O Concello de Trabada impulsará unha actuación integral no Teleclub da parroquia de Sante co obxectivo de modernizar o espazo, mellorar a súa accesibilidade e adaptalo ás necesidades actuais da veciñanza. A intervención permitirá renovar tanto o interior como o exterior do edificio, converténdoo nun lugar máis cómodo, funcional e preparado para acoller actividades sociais e comunitarias.

Entre as actuacións previstas inclúese a construción dunha rampla exterior e a instalación dunha nova varanda, co fin de garantir un acceso seguro e sen barreiras. No interior, procederase á renovación do chan, a colocación dun falso teito, a pintura completa do local e a substitución das luminarias, mellorando así a iluminación e a eficiencia do espazo.

O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, e a concelleira Lupe Rego desprazáronse ata o Teleclub para anunciar esta actuación, que contará cun investimento superior aos 50.000 euros, financiado grazas á colaboración coa Deputación de Lugo.

Desde o Concello destacan que esta reforma se enmarca na liña de traballo municipal orientada á mellora dos espazos públicos nas parroquias e ao apoio ao tecido asociativo local. O obxectivo é reforzar os lugares de encontro e convivencia, dotando á veciñanza de infraestruturas dignas e adaptadas ás súas necesidades.

⚙ Configurar cookies
0.079078912734985