O tecido asociativo do Vicedo organizará unha concentración baixo o lema Médicos en Vicedo Xa o vindeiro domingo
O tecido asociativo do Vicedo vén de organizar unha concentración baixo o lema Médicos en Vicedo Xa, para demandar a cobertura de xeito continuado das dúas prazas de médico de familia. Esta cita terá lugar o próximo domingo día 26 de novembro ás 11.30 horas diante do centro de saúde.
Segundo trasladan "a varios pacientes foilles imposible en moitos casos concertar citas para acudir ao médico, para renovar receitas, facer os partes de confirmación de baixa laborais así como tampouco ser atendidos coa cita que tiñan".
O centro de saúde do Vicedo conta con dúas prazas de medicina de familia, das que solo estaba ocupada unha delas de xeito continuado, acudindo algún día outra profesional. "Máis desde que este facultativo marchou trasladado a outro lugar o Sergas deixou de cubrir todos os días as prazas de médic@s, enviando de vez en cando a outra persoa", din.
"Nestes últimos quince ou máis días solo viña solo unha médica un día á semana, ata que desde que os colectivos veciñais, deportivos e culturais se deu a voz de alarma e saíron á rúa a apoiar a concentración que reuniu a tres mil persoas en Viveiro", engaden, "dous días antes de que a xente saíra á rúa xa puxeron facultativo todos os días no Vicedo, eso sí, "soamente durante catro horas".
Desde a plataforma sanitaria da Mariña animan a todos os veciños a que acudan a esta concentración para "tentar conseguir que se dote ao seu concello do persoal sanitario que merecen advertindo á Xerencia e ao Goberno da Xunta “que deixen de facer sudokus para tentar encaixar cun persoal baixo mínimos a xigantesca fenda sanitaria que eles mesmos crearon", din dende o colectivo.
Así mesmo, dende a CIG denuncian que “á situación insostible na Atención Primaria de Viveiro e O Vicedo, agora súmase tamén O Valadouro e Alfoz”, denuncian.
Dende a central nacionalista din que “o día 22 de novembro non hai médico en O Valadouro, tampouco os días 23, 24, 27 e 28 de novembro haberá médico de 8 a 9 horas nin de 13 a 15 horas. O día 29 de novembro non haberá médico de 11 a 15 horas. E o día 30 de novembro non haberá médico de 12 a 15 horas” e “as urxencias serán derivadas principalmente ao Centro de Saúde de Foz, e tamén ao Centro de Saúde de Alfoz, aumentando deste xeito a carga asistencial das e dos profesionais deses centros”.
O Centro de Saúde Alfoz tamén estará varios días sen atención completa “xa que os días 22, 23, 24, 27, 28 e 29 de novembro non hai médico en Alfoz de 8 a 8.30 horas e as urxencias tamén serán enviadas ao Centro de Saúde de Foz”, alertan.
https://galiciaxa.com/2023/11/amxa/zonas-amxa/viveiro-amxa/237483/
https://galiciaxa.com/2023/11/amxa/zonas-amxa/viveiro-amxa/239768/