O Teatro Pastor Díaz de Viveiro programa máis dunha ducia de espectáculos ata finais de ano

O Teatro Pastor Díaz de Viveiro xa ten lista a súa programación cultural para os últimos meses de 2025. A axenda inclúe máis dunha ducia de propostas que se desenvolverán entre setembro e decembro, con espectáculos dirixidos a diferentes idades e gustos.

O calendario abriuse o 27 de setembro con Nin flores nin coroas, da compañía 57 palabras teatro, unha comedia pensada para todos os públicos. Outubro traerá pezas de estilos moi variados: o día 4 representarase María Visitación Consolación Amadora, unha produción de Lúa Producións; o 11 será a quenda de Guerra, de Teatro Noroeste, un drama para maiores de 18 anos; e o 18 chegará o musical infantil A nena e o grilo. Camiño das cores, de Magín Blanco. A programación do mes pecharase o día 25 con De aquí para alá coas emocións, de Lydia Botana, un espectáculo musical para público infantil de ata 10 anos.
En novembro, o Pastor Díaz acollerá o día 8 Reconversión, unha proposta contemporánea de Ibuprofeno Teatro; o 11 será a quenda do musical Os tres porquiños, pensado para público infantil; mentres que o 18 e 19 terá lugar a función escolar de O carteiro de Ximaraos, do Centro Dramático Galego. O día 22, a Banda de Música O Landro ofrecerá o Concerto Santa Icía e, como peche do mes, o 29 representarase Un deus salvaxe, unha comedia de Talía Teatro.
A programación continuará en decembro cunha oferta que combina monicreques, teatro e música. O día 6 representarase Os contos do lobicán, de Redrum Teatro, unha montaxe pensada para nenos e nenas desde os 3 anos. O día 13 será a quenda de Dona Clara, unha proposta para público adulto a cargo do Colectivo Cultural Ollomao. E o 20 de decembro, a Banda de Música O Landro volverá subir ao escenario para despedir o ano co tradicional Concerto de Nadal.
As entradas poden reservarse por teléfono de luns a xoves ou no propio despacho do teatro unha hora antes de cada función. Ademais, o Concello de Viveiro puxo á disposición do público un código QR que permite acceder á sinopse completa de cada obra e a máis información sobre o cartel.