O Teatro Pastor Díaz acollerá o espectáculo familiar “A muller orquestra” con Os Bolechas

O Teatro Pastor Díaz de Viveiro converterase o domingo 16 de novembro, ás 18.00 horas, nun espazo para o entretemento e a aprendizaxe coa representación do espectáculo “A muller orquestra”, protagonizado polos populares personaxes de Os Bolechas. A cita forma parte do programa FalaRedes, impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, e está especialmente dirixida ao público familiar.
A entrada será de balde ata completar aforo, e as persoas interesadas poden facer a súa reserva de luns a xoves chamando ao 982 560 162, en horario de 9.00 a 14.00 horas, ou a través do correo electrónico cultura@viveiro.gal
. Ademais, as entradas poderán recollerse tamén na taquilla do teatro unha hora antes do comezo da función.
“A muller orquestra” combina humor, música e participación do público, cunha proposta chea de ritmo e mensaxes positivas. A través das súas divertidas situacións, o espectáculo promove valores como a igualdade, o traballo en equipo e o fomento do uso do galego entre as novas xeracións, converténdose nunha actividade que une diversión e conciencia social.