O teatro desembarca en Celeiro para contar a traxedia dos naufraxios galegos

AMariñaXa
'Costa da Morte, cartografía dun naufraxio' representarase o 20 de xuño na praza do Náufrago, nunha proposta inmersiva do Centro Dramático Galego dirixida por Mariña Lestón
Taller-Teatro-O-Incio
16 Jun 2025

A praza do Náufrago de Celeiro acollerá o vindeiro xoves 20 de xuño, ás 22:00 horas, unha das funcións máis destacadas da xira do Centro Dramático Galego: Costa da Morte, cartografía dun naufraxio, unha creación escénica dirixida por Mariña Lestón que afonda na memoria colectiva vinculada aos naufraxios e á vida mariñeira de Galicia.

O espectáculo, pensado para público adolescente e adulto, combina narración oral, música en directo e imaxes audiovisuais, e aposta por unha posta en escena inmersiva que se desenvolve en espazos reais como praias, faros ou portos. En Viveiro, o enclave escollido non pode ser máis simbólico: a praza do Náufrago, un lugar que rende homenaxe ás vítimas do mar e que conecta directamente co espírito da obra. En caso de chuvia, a representación trasladarase á Casa do Forno.

A alcaldesa, Mariña Gueimunde, subliñou a importancia desta cita dentro da programación cultural de verán do municipio: “É un orgullo formar parte dunha xira que non só recupera a nosa historia marítima, senón que tamén lle dá protagonismo ás mulleres que quedaban na terra: ás viúvas, ás orfas, ás que ofrecían axuda nos momentos máis duros”.

Esta parada en Celeiro forma parte dun percorrido escénico que percorre distintas localidades costeiras, co obxectivo de levar o teatro a novos públicos e conectar coas raíces dunha Galicia marcada polo mar.

teatro sexpiertos viveiro 2023
⚙ Configurar cookies
0.17931604385376