O Teatro das Cortes acolle unha tarde de maxia e humor co Mago Antón e Isabel Risco

AMariñaXa
A cita, con entrada de balde, celebrarase o sábado 8 de novembro en Cabanas, no Vicedo
Vicedo-Museo-identidade-Teatro-das-cortes-1
3 Nov 2025

O Teatro das Cortes, no lugar do Xestoso (Cabanas, O Vicedo), converterase o sábado 8 de novembro nun espazo de diversión para todos os públicos cunha xornada de maxia e teatro organizada pola Asociación Cultural Volta e Dálle, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A programación arrincará ás 18:30 horas coa actuación de O Mago Antón, que presentará a súa función “Sen o camión”, unha proposta pensada para gozar da ilusión e o misterio máis próximos, nun formato adaptado aos espazos teatrais e cheo de momentos sorprendentes.

A continuación, ás 20:00 horas, será a quenda da actriz Isabel Risco, que levará ao escenario a súa peza “Nabiza Girl. O estraño caso da cultura minguante”, un espectáculo cargado de humor, crítica social e reivindicación da identidade galega, no seu característico ton enérxico e irreverente.

A actividade conta coa colaboración da Bodeguilla de San Lázaro e forma parte do compromiso das entidades organizadoras por ofrecer programación cultural de calidade e acceso libre, achegando o teatro e a maxia á veciñanza e reforzando a vida cultural do rural.

⚙ Configurar cookies
0.11603498458862