O teatro afeccionado toma Foz cun certame que medra en calidade e proxección nacional

Foz
AMariñaXa
Seis compañías competirán na cuarta edición do certame José Luis López Lorenzo “O Poto”, que se inaugura o venres 6 de xuño con entrada libre e votación do público
Foz-IV-CERTAME-DE-TEATRO-DO-CONCELLO-2025
3 Jun 2025

A cultura escénica será protagonista nas vindeiras semanas en Foz coa celebración da cuarta edición do Certame de Teatro Afeccionado José Luis López Lorenzo “O Poto”, unha cita xa consolidada no calendario cultural do municipio. A primeira representación será este venres, 6 de xuño, ás 20.30 horas na Casa da Cultura Poeta Manuel María, onde o público poderá gozar da obra Sen frores nin coroas, da Asociación 57 Palabras de Viveiro.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, subliñou a dificultade do proceso de selección nesta edición: “Cada ano recibimos máis propostas e de maior calidade, polo que escoller só seis resultou moi complicado”. Finalmente, serán seis as compañías seleccionadas, cun programa diverso que abrangue dende o drama ata a comedia, e que traerá ata Foz grupos galegos e tamén doutras comunidades autónomas.

O sábado 7 ás 18.30 horas representarase Segredos de familia e licor café, de Martabelas Compañía de Teatro (Teo), e o domingo 8, á mesma hora, será a quenda de Cartas da muller ausente, de Ditirambo Teatro, da Coruña. O certame continuará o venres 13 ás 20.30 horas con Pareja abierta, da Asociación Nimú de Lui, chegada dende Teruel. O sábado 14 ás 18.30 horas, subirase ao escenario El Legado, da Asociación teatral El Telón Negro (Madrid), e o domingo 15 será a estrea de As máscaras de Ibáñez. O Marqués de Sargadelos que nunca foi, da compañía pontevedresa Avelaíña Teatro.

López Couto destacou o salto cualitativo que supón contar con agrupacións de fóra de Galicia: “Este ano temos grupos de Madrid e Teruel, e iso demostra que o certame está a gañar visibilidade a nivel estatal”. A edil tamén quixo animar á veciñanza a participar activamente: “As funcións son de balde e será o público, co seu voto, quen decida que obra se leva o premio final”.

A gala de clausura, na que se entregará o galardón á compañía gañadora, celebrarase o sábado 28 de xuño, e estará conducida pola actriz e presentadora Isabel Risco, quen porá o toque de humor e dinamismo ao evento.

PROGRAMACIÓN

⚙ Configurar cookies
0.44692802429199