O talento burelés brilla nas candidaturas aos Premios Mestre Mateo

AMariñaXa
O Concello de Burela pon en valor a proxección do audiovisual local coa presenza de varios creadores da vila nos principais premios galegos
Burela-talento-Ivan-Laxe-Santi-Jul-Breixo-Llano-Manolo-Masea-Nuno-Pico
XXII Premios Mestre Mateo, 23 de marzo de 2024, premio a Mellor Programa para 'Cos pés na terra'; detrás, á esquerda, Breixo Llano
4 Feb 2026

O talento creativo que nace en Burela volve situarse no primeiro plano do audiovisual galego coa presenza de varios creadores da vila entre os candidatos aos Premios Mestre Mateo. O Concello quixo trasladar publicamente a súa felicitación ás persoas nominadas, subliñando que estas candidaturas son unha mostra clara da forza cultural e artística que emerxe desde o municipio.

Entre as propostas destacadas atópase a de Nuno Pico, integrante do grupo Grande Amore, que opta ao premio na categoría de Mellor Videoclip pola peza audiovisual da canción Ontes fun moi malo. O traballo, dirixido por Xaime Miranda e publicado a través do selo Ernie Records, sitúase como unha das creacións máis recoñecidas desta edición.

A representación burelesa complétase coa candidatura de Breixo Llano a Mellor Realización polo seu labor en Cos Pés na Terra, así como coa de Manolo Maseda, que aspira ao galardón de Mellor Documental como director de Ao son da nova regueifa, un proxecto que reivindica a tradición oral desde unha óptica contemporánea.

Tamén destacan Santi Jul e Iván Laxe, ambos de Burela, nominados á Mellor Música Orixinal por Bibopalula, unha serie de animación infantil que, ademais, compite na categoría de Mellor Serie de Televisión. Desde o Concello salientan que esta presenza continuada de creadores locais nas candidaturas consolida a Burela como un referente de creatividade e innovación cultural.

O goberno municipal puxo o acento no valor que estes recoñecementos teñen para a proxección da cultura galega e para o orgullo colectivo da veciñanza, ao tempo que reafirmou o seu compromiso co apoio ás iniciativas culturais. Nesa liña, avanzou que Burela acollerá proximamente a proxección do documental Ao son da nova regueifa e a representación da obra teatral Territorio Regueifa no Auditorio Municipal o vindeiro 23 de maio.

⚙ Configurar cookies
0.076769113540649