O SLG solicita á Xunta que informe aos afectados pola crise da couza guatemalteca

TerraChaXa | AMariñaXa
O vicerresponsábel do Sector de Horta, Froita e Flor do Sindicato Labrego Galego, Henrique Outes, vén de rexistrar un escrito dirixido ao conselleiro de Medio Rural no que se denuncia o "escurantismo da Consellaría" á hora de tratar a crise da couza guatemalteca.
2 Feb 2019

O vicerresponsábel do Sector de Horta, Froita e Flor do Sindicato Labrego Galego, Henrique Outes, vén de rexistrar un escrito dirixido ao conselleiro de Medio Rural no que se denuncia o "escurantismo da Consellaría" á hora de tratar a crise da couza guatemalteca. "As familias que cultivan pataca nas zonas afectadas só están accedendo á información sobre a xestión desta praga a través dos medios de comunicación que, en ocasións, publican datos contraditorios que non fan máis que xerar unha maior confusión, realizando un labor informativo necesario pero que debería corresponder, en primeiro termo, á propia Xunta de Galicia", din.
Así, o sector produtor das zonas en corentena está recibindo con optimismo as novas de que os controis da couza guatemalteca están a funcionar de cara a erradicar a praga, inferindo que, polo tanto, axiña poderán volver cultivar patacas con normalidade. Porén, fontes da propia Consellaría de Medio Rural consultadas polo SLG afirman que é moi improbable que se erradique a praga e que o criterio para levantar as prohibicións é o de deixar pasar dous anos sen cultivar dende a captura do último exemplar de Tecia solanivora. "Tendo en conta que en 2018 seguíronse atrapando exemplares de couza guatemalteca en tódalas zonas afectadas, a prohibición de plantar vai para longo. Pero o sector produtor non ten ningunha declaración nin dato oficial de Medio Rural ao respecto, polo que non o sabe", engaden.
O problema é que a desinformación no sector está a ser total. A única interlocución entre os produtores e produtoras afectadas e a Consellaría de Medio Rural é unha circular de uso interno para as oficinas agrarias comarcais, cando toda a información existente sobre esta crise debería ser de acceso público e, en especial, para as explotacións agrícolas en corentena.
"Por iso, dende o SLG, demandamos da Consellaría de Medio Rural a convocatoria urxente de xuntanzas de carácter informativo en tódalas comarcas afectadas pola corentena da Tecia solanivora e a publicación de informes nos que se faciliten todos os datos existentes en cuestións como as medidas adoptadas, os avances na loita por erradicar a couza guatemalteca, a estimación dos prazos nos que se manterá a praga en cada comarca, etc. Ademais, seguimos insistindo na necesidade de que na comisión de seguimento desta crise haxa representación do sector produtor, principal damnificado dos danos e prohibicións e principal interesado en coñecer os progresos, datos e decisións na loita contra esta praga", conclúen.

0.202143907547