O SLG reclama á Xunta axudas para o sector lácteo

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Vilalba asegura que "ten que haber actuacións inmediatas" e pon o exemplo de "outros territorios" como Cantabria ou o País Vasco.
vacas
30 Nov 2021

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, urxe á Xunta de Galicia que saque unha liña de axudas "inmediatas" para frear a crise do sector lácteo e dos gandeiros galegos.

Vilalba asegura que "ten que haber actuacións inmediatas" e pon o exemplo de "outros territorios" como Cantabria, que "acaba de sacar unha liña de axudas para as granxas tanto de leite como de carne ou o País Vasco, que sacou liñas de axuda para sectores gandeiros", explicou.

"Aquí en Galicia non hai movementos, están a explicarnos a Conta Láctea que non deixa de ser unha programación de xestión, que é unha forma de entreternos", reprochou. "O sector está a lanzar unha chamada para que se actúe, existe bastante frustración porque non vemos respostas aos problemas", abundou.

Isabel Vilalba tamén confirmou que se remitiron cartas "ás principais industrias recogedoras", á vez que lamentou que "en canto ás empresas lácteas está todo moi bloqueado".

"Algunhas nos din textualmente que ten que haber subidas polo incremento de custos pero na práctica os contratos que chegan ao campo seguen chegando con prezos moi baixos", sinalou.

Vilalba queixouse da resposta dalgunha destas industrias, que "sorprende, aínda cando argumenta que no tema de prezos hai dificultades para abordalo pola competencia". "É unha perversión porque aquelas empresas que din isto foron mesmo condenadas por participar no cártel do leite", recalcou.

Unha das empresas á que se dirixiu o Sindicato Labrego Galego foi a Lactalis que, fronte a unha subida de catro céntimos que se expón por litro para o produtor lácteo, a industria realiza un incremento de "medio céntimo".

0.17048001289368