O SLG pide que o Consello Científico estatal informe sobre os impactos da macrocentral hidroeléctica Xistral

AMariñaXa
O SLG pide que o Consello Científico estatal informe sobre os impactos da macrocentral hidroeléctica Xistral
Valadouro Recare e Vilacampa central hidroelectrica (1)
23 Feb 2022

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas demanda ao Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico e á Deputación de Lugo que soliciten ao Consello Científico -órgano asesor da UNESCO e dependente do Organismo Autónomo Parques Nacionales (OAPN), entidade responsábel de asegurar o correcto funcionamento darede de biorreservas do Estado español-, un informe detallado ao respecto dos impactos que implicaría a macrocentral hidroeléctrica que o grupo aragonés Alatalaya Generación quere construír na Rerserva da Biosfera Terras do Miño.

O requerimento, trasladado no marco da campaña de alegacións á Macrocentral Hidroeléctrica do Xistral, foron dirixidas ao Órgano Reitor da Reserva da Biosfera Terras do Miño (Diputación Provincial de Lugo) e á Dirección General de Calidad y Evaluación Medioambiental, dependente do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.

"Dado que varios dos concellos que se verían absolutamente estragados pola macroinstalación solicitada polo grupo Alatalaya Generación están ubicados dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño -nomeadamente Alfoz, Ourol e o Valadouro-, dirixímonos ao Órgano Reitor da mesma para solicitar que requira ao Consello Científico un informe ao respecto das afeccións desta megaestructura de explotación enerxética na conservación da superficie de hábitats da Rede Natura, así como dos valores da Reserva da Biosfera Terras do Miño", din dende o Sindicato.

"Fronte á grave ameaza que supón o plan de negocio desta megaexplotación enerxética para a habitabilidade da contorna e a supervivencia dos seus ecosistemas, solicitamos tamén ao Ministerio que por parte do Consello Científico, órgano asesor do Comité MaB do Organismo Autónomo Parques Nacionales (OAPN), sexa emitido un informe sobre a afección deste plan industrial en relación á conservación da superficie de hábitats da Rede Natura e aos valores da Reserva da Biosfera Terras do Miño", engaden.

"As alegacións presentadas ao Ministerio, fan fincapé tamén nos prexuízos irreversíbeis para catro cauces fluviais que tería esta megalómana construcción: eliminación do rego Recaré, eliminación dun segundo rego innominado, a eliminación do rego Vilacampa e danos irreparábaies no Río Bao. Alertamos, asemade, da afección severa e irreversíbel para o sistema de brañas e humidais da zona de afección do proxecto; impactos graves para os hábitats prioritarios e de interés comunitario; prexuizos irreparábeis para o bosque de ribeira e o bosque autóctono galego, e da afección moi severa e deterioro irreparábel para a Rede Natura 2000", din dende o colectivo.

Adverten tamén ao Ministerio que é vital ter en conta algo tan básico como que as especies non entenden de límites xeográficos, e que o mantemento da conectividade ecolóxica é fundamental para a preservación dos ecosistemas e da coherencia da propia Rede, cuestión que "para este proxecto extractivo en zona protexida de especial valor natural nin sequera se está a ter en conta".

Abondando na identificación de impactos negativos vinculados a este proxecto de negocio enerxético, denunciamos tamén diante do Ministerio a vulneración flagrante da Directiva 92/43/CEE, relativa á Conservación de Hábitats Naturais e da Fauna e Flora Silvestres, así como da Lei 7/2012, de 28 de xuño de Montes de Galicia, dado que a construcción desta macrocentral hidroeléctrica anularía por completo a multifuncionalidade do monte.

Nesta mesma liña "tamén salientamos a gravidade dos impactos sobre as explotacións agro-gandeiras da contorna, establecidas nun territorio que non só foi obxecto de concentración parcelaria recente -nomeadamente na zona do Recaré-, senón que ademais acolleu mocidade que se vén de incorporar á actividade agraria, facendo unha importante aposta vital e económica por un rural con futuro, que agora está en risco".

Como xa alertaron no momento da publicación do proxecto, a construcción desta macrocentral hidroeléctrica "suporía o anegamento de kilómetros de terras agrarias, a construcción de muros de máis de cincuenta metros de altura a escasa distancia das casas, chimeneas de case 200 metros de altura e diámetros internos de ata 30 metros, e máis de trinta túneles perforando o subsolo do Val do Ouro, convertendo este entorno natural de importantísimo valor ecolóxico, agrario e paisaxístico nun espazo absolutamente degradado".

0.19189786911011