O SLG denuncia baixadas de prezo nos contratos lácteos de Lactalis e Reny Picot

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O SLG di que industrias leiteiras como Lactalis ou Reny Picot están obrigando a asinar os novos contratos para a seguinte campaña á baixa.
vacas en extensivo
8 Mar 2021

Industrias leiteiras como Lactalis ou Reny Picot están obrigando a asinar os novos contratos para a seguinte campaña á baixa, segundo asegura o Sindicato Labrego Galego. No caso da multinacional gala, afirman que resulta un agravio comparativo insultante, "xa que mentres en Francia Lactalis pactou subas de prezo coas granxas que lle fornecen, pagando un valor medio en 2020 de 36,9 céntimos; na Galiza segue forzando contratos á baixa, contribuíndo a termos o peor prezo medio do Estado e un dos máis cativos da Unión Europea, que non chega aos 33 céntimos". De feito, aseguran que hai granxas que están a denunciar unha baixada dun céntimo no prezo do leite para os novos contratos que está a ofrecer Lactalis. "Trátase dun feito de extrema gravidade habida conta que esta industria francesa é a principal compradora de leite na Galiza, recollendo máis de 500 millóns de litros de leite por ano a unhas 1.500 explotacións da nosa terra".

No caso de Reny Picot, a depreciación está a ser de medio céntimo, que se pode incrementar dependendo do punto crioscópico do leite, "co cal se estarían a penalizar as granxas que teñen as vacas en réxime de pastoreo e, polo tanto, as máis sostibles e respectuosas co entorno".

"Esta baixada prodúcese nun difícil contexto para as nosas granxas, no que o prezo dos cereais e, polo tanto, da alimentación animal, se incrementou notablemente nos últimos meses e a nivel internacional, factor que debería repercutir nun aumento do valor do leite en orixe como compensación. Neste senso, resulta indignante que, esta mesma semana, a multinacional distribuidora Lidl veña de anunciar un acordo con Lactalis para subir o prezo do leite, de maneira que o incremento repercuta positivamente nas explotacións francesas, que si poderán compensar o aumento dos seus custes de produción, e que se estean a negociar subas con outras distribuidoras; ao tempo que na Galiza seguen forzando os prezos á baixa", din.

Para o Sindicato Labrego Galego, Lactalis e outras industrias lácteas poden seguir baixando os prezos a pracer "amparadas pola inacción da administración". Á Consellaría de Medio Rural xa non se lle agarda nesta problemática, habida conta que desmantelou a mesa do leite "na que os axentes do sector podiamos debater e negociar para tentar chegar a acordos sobre os prezos. Á única esperanza ao respecto tiñámola na Lei da Cadea Alimentaria, que obriga a que se cubran os custes de produción no valor en orixe das producións agrogandeiras, pero o Ministerio de Agricultura segue sen publicar uns índices de referencia de prezos e custes para o sector lácteo, tal e como se comprometera, favorecendo un baleiro legal no que as industrias seguen a impoñer as súas condicións draconianas no mercado lácteo".

0.21706795692444