O SLG critica a exclusión de moitos produtores das axudas directas para a faba de Lourenzá

AMariñaXa
Isabel Vilalba Seivane denuncia que as axudas excepcionais da Consellería do Medio Rural só benefician ás explotacións certificadas na IXP, deixando fóra a moitos produtores da zona
faba-lourenza-
17 Mar 2025

A produtora de faba de Lourenzá e Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba Seivane, amosou a súa total desconformidade coas medidas anunciadas recentemente pola Consellería do Medio Rural, que habilitan axudas directas de carácter excepcional para os produtores inscritos na Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá. A responsable do SLG considera que non é xusto nin adecuado que as axudas se dirixan exclusivamente ás 19 explotacións que están certificadas pola IXP, pois o sector sufríu unha crise que afectou a todos os produtores, sen excepción.

Vilalba Seivane subliñou que "o problema sufrírono todas as produtoras e produtores, non só os que están dentro da IXP", facendo fincapé na necesidade de que as axudas cheguen a todos, sen discriminar aqueles que non se atopan certificados, "xa que moitos produtores non se inscribiron na IXP porque non lle atoparon utilidade ou non lles compensaba".

A líder do SLG tamén pediu que se traballe para incentivar a inscrición de máis explotacións na IXP, pero sen deixar de lado as axudas necesarias para garantir a continuidade dos produtores actuais. "Non podemos permitirnos perder máis explotacións, xa que isto tamén significaría perder a base do cultivo da faba, que é un símbolo de identidade para toda a comarca", explicou Vilalba, facendo fincapé na urxencia de poñer as condicións adecuadas para que a actividade sexa atractiva e rendible, tanto para as explotacións actuais como para as que se poidan incorporar no futuro.

"Se perdemos produtores e produtoras, non vai haber futuro para a IXP", rematou a Secretaria Xeral do SLG, facendo un chamamento á acción para asegurar o futuro dun sector que, como recoñece a propia Consellería do Medio Rural, forma parte da identidade da comarca de Lourenzá.

⚙ Configurar cookies
0.041733980178833