O SLG asegura que o 60% dos concellos non aplica bonifacións dos catastrazos

TerraChaXa | AMariñaXa
O Sindicato Labrego Galego vai iniciar unha campaña de denuncia na que asegura que o 60% dos concellos da provincia de Lugo seguen sen aplicar bonificacións para paliar o impacto do catastrazo nas granxas, o que xera unha situación de "inxustiza e agravio comparativo para miles de explotacións".
10 Xan 2021

O Sindicato Labrego Galego vai iniciar unha campaña de denuncia na que asegura que o 60% dos concellos da provincia de Lugo seguen sen aplicar bonificacións para paliar o impacto do catastrazo nas granxas, o que xera unha situación de "inxustiza e agravio comparativo para miles de explotacións".

"En 2022 cumprirase unha década dende que o daquela ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, decidise amañar as contas do país cunha suba de impostos ás nosas vivendas e leiras. A modificación do ano 2012 da Lei do Catastro, e as sucesivas regularizacións postas en marcha dende aquela, xunto coa revisión xeneralizada á alza do valor dos bens inmobles do Estado, supuxo unha suba enorme do IBI ingresado polos concellos. Uns ingresos que non se lles permitiu investir na protección social nin na creación de emprego, xa que ao ano seguinte aprobaríase a Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, que limitaba a súa capacidade de gasto. Deste xeito, creouse de xeito artificial un superávit orzamentario da administración local para compensar ante a UE o enorme déficit do Estado e das comunidades autónomas polos baixos ingresos derivados da crise económica e da débeda do rescate bancario", explican.

"Dende aquela, a maior parte dos concellos gozan de boa saúde nas súas contas, pero non por unha mellora na súa xestión, senón polo agasallo de Montoro a costa dos petos da cidadanía. Entre as veciñas máis afectadas por esta suba do Imposto de Bens Inmobles (IBI) están as titulares das explotacións agrarias, xa que a modificación da Lei do Catastro equiparou a valoración das construcións rústicas ás urbanas, co que as regularizacións lanzadas nesta década foron introducindo na base de datos do Catastro unha inxente cantidade de inmobles antes exentos de tributación. Desta maneira, as balsas de rega pasaron a pagar impostos coma se fosen piscinas e os alpendres e naves coma talleres mecánicos ou centros comerciais", engaden.

O Sindicato Labrego Galego asegura que leva loitado desde o primeiro momento contra este catastrazo ao sector primario, xa fortemente castigado pola concentración de poder na grande industria e distribución alimentaria e o desleixo das administracións do sector coa súa defensa. "Temos presentado mocións e recollido sinaturas para presentalas nos concellos, reclamando que modifiquen as súas ordenanzas municipais para incluír as bonificacións do imposto que permite a lei para os inmobles ligados ás actividades agrícolas ou gandeiras, bonificacións que poden chegar ao 95% da cota para estas actividades de especial interese nos concellos do rural".

"Lamentablemente, despois de dúas lexislaturas completas desde que se fixeran estas reformas, segundo datos da Deputación de Lugo, aínda máis da metade dos concellos lucenses -todos moi áxiles á hora de actualizar os valores catastrais- carecen destas bonificacións, dándose situacións de desigualdade entre veciños dificilmente explicables. Uns centos de metros a un lado ou outro dunha liña no mapa pode significar pagar 300 euros ou pagar 15 euros pola mesma construción: se está en Abadín paga 300, en Vilalba 15; en Ribadeo 300, en Barreiros 15; en Monforte 300, en Pantón 15; en Paradela 300, en Sarria 15...", explican.

Cos datos facilitados pola Deputación de Lugo, indican que hai comarcas nas que a meirande parte dos concellos teñen bonificación, coma a Mariña Oriental (75%), os Ancares (66%) ou Terra de Lemos (60%), fronte a outras coma a Mariña Central (0%) ou a Mariña Occidental (25%) nas que ningún (ou unha minoría) bonifica estes inmobles. O resto de comarcas -entre elas a Terra Chá e Lugo centro- atópanse nunha situación intermedia -entre o 30% e o 50% dos concellos con bonificación-. "Cómpre sinalar que non se trata dun tema partidario, xa que hai concellos tanto do PP, como do PSOE ou do BNG, que teñen bonificada a actividade; e outros dos mesmos partidos que non. É, simplemente, falla de sensibilidade e vontade por parte desas corporacións para apoiar as súas explotacións agrarias".

Para o Sindicato Labrego Galego, este ano 2021 "debe ser o do remate desta excesiva e inxusta imposición ás actividades agrogandeiras. Por iso, imos desenvolver unha campaña esixindo a urxente aprobación destas bonificacións en todos os concellos que aínda non o fixeron e denunciando o abandono do sector polas corporacións locais que non a poñan en marcha. O obxectivo é que en 2022 ningunha explotación agraria galega teña que pagar centos de euros de impostos inxustos polas súas cortes e alpendres. Nestes tempos difíciles, as administracións locais, que son as máis próximas, non poden seguir de costas a esta realidade", conclúen.

0.15581297874451