O sistema de recollida de lixo 'Quita e Pon' está situado en 16 localizacións do casco histórico de Viveiro

AMariñaXa
O Concello de Viveiro destaca os beneficios do sistema ‘Quita e Pon’ de recollida de lixo no casco histórico da vila, posto en marcha o pasado 18 de decembro.
recollida lixo viveiro
12 Xan 2024

O Concello de Viveiro destaca os beneficios do sistema ‘Quita e Pon’ de recollida de lixo no casco histórico da vila, posto en marcha o pasado 18 de decembro.

“Coa posta en marcha deste servizo eliminamos os colectores na vía pública no ámbito do casco histórico, que provocan frecuentes problemas de sucidade e cheiros, substituíndoos por un servizo de retirada e colocación diaria de colectores”, lembra Míriam Bermúdez, tenente de alcaldesa e responsable de Medio Ambiente, que mantivo un encontro de coordinación do servizo con Antonia Prieto, técnica municipal de medio ambiente, e Bruno Castiñeiras, responsable da empresa concesionaria FCC.

O ‘Quita e Pon’ consiste na colocación diaria de colectores dispoñibles en 16 localizacións do casco histórico, que coinciden coas localizacións tradicionais máis cinco novas situacións.

Esta colocación realízase de forma diaria a partir das 18.00 horas, estando os colectores dispoñibles para a súa utilización ata a mañá do día seguinte ás 06.00 horas.

“Este sistema supón un esforzo para o servizo de limpeza e un incremento do custo do mesmo para o concello, polo que solicitamos a máxima colaboración da veciñanza para que as bolsas de lixo se depositen no horario establecido nos colectores dispoñibles”, engade Bermúdez.

0.20916390419006