O SEVA rende homenaxe ao polifacético sacerdote José Martínez Cobo no Caderno 16

Este venres 26 de abril, ás 19:30 horas, a Casa da Cultura de Alfoz será o escenario da presentación do Caderno 16 do Seminario de Estudos do Valadouro (SEVA), dedicado á figura do sacerdote José Martínez Cobo, nado en Alfoz arredor de 1870.
Descrito como un “profeta na súa terra”, Martínez Cobo destacou pola súa intensa actividade intelectual, pastoral e social. Gañou sona como historiador autodidacta, orador apaixonado, crítico das inxustizas e firme defensor dos dereitos dos seus fregueses fronte ao poder establecido. Non lle faltaban tampouco apelativos polos seus longos e entregados sermóns.
A súa pegada deixou rastro en múltiples ámbitos. Foi párroco en Santa María de Bacoi (Alfoz) e Santo Estevo de Moucide (O Valadouro), parroquias unidas no exercicio. Representou tamén en Cuba á sociedade de fillos do Valadouro emigrados, e publicou en 1912 un interesante folleto titulado Apuntamentos históricos do Val, editado na imprenta Mancebo de Mondoñedo.
Nesta obra, reflexionaba sobre a súa proposta de crear unha Escola Agrícola no val, a figura do Mariscal Pardo de Cela, a importancia do mercado de gando de Ferreira, as igrexas parroquiais do Val de Ouro e o carácter da xente da comarca.
Con este novo caderno, o SEVA continúa co seu labor de recuperación da memoria local, poñendo en valor personaxes que, coma Martínez Cobo, deixaron unha profunda pegada na historia e identidade da Mariña interior.