O SEVA presenta en O Valadouro o caderno Catro escritores do Valadouro

O vindeiro venres, 26 de decembro, ás 20:00 horas, a Casa da Cultura do Valadouro acollerá a presentación de Catro escritores do Valadouro, o caderno número 17 do SEVA. O acto supón unha nova achega do colectivo cultural á difusión da creación literaria da comarca, cun traballo centrado nas traxectorias e nas obras de catro autores representativos do Valadouro.
A publicación ofrece un percorrido polas semblanzas e a produción literaria de Manuel Lourenzo, Isaac Ferreira, Xesús Pisón e Lionel Rexes. No caso de Lourenzo, Ferreira e Pisón, ademais dunha ampla obra individual, destaca o seu traballo conxunto en proxectos de referencia como Contos do Valadouro, recompilación de contos e lendas editada en tres ocasións desde 1998, Arqueoloxía do Valadouro, publicada pola Deputación en 2010, ou o Inventario do Patrimonio Cultural e Histórico Artístico do Valadouro, un compendio único editado en 2021.
Pola súa banda, Lionel Rexes conta con catro novelas publicadas, todas elas recoñecidas con premios en distintos certames narrativos, e participou tamén en varios volumes colectivos de relatos. O propio autor adoita definirse como aprendiz da denominada “Escola literaria do Valadouro”, en referencia aos tres escritores cos que comparte este caderno.
A portada do número 17 volve levar a sinatura do artista plástico local Xosé Blanco, mantendo a liña estética habitual das publicacións do SEVA. A presentación será conducida polos membros da Xunta Directiva do colectivo: Eduardo Fdez. Galán, presidente; Juan Luis Pisón, secretario; Marco Candia, tesoureiro; e os vogais Xesús Pisón e Lionel Rexes.
Como é costume, as persoas socias do SEVA recibirán un exemplar de balde, mentres que o público asistente poderá adquirir o caderno durante o propio acto.