O SEVA logra xustiza histórica coa restitución do nome de Alfoz do Castrodouro

AMariñaXa
Co apoio de veciños, colectivos e da Real Academia Galega, o concello recupera oficialmente o seu topónimo
Seminario-de-Estudos-do-Valadouro-xunta-directiva-2023
31 Mar 2026

O Consello da Xunta aprobou a proposta de revisión, corrección e actualización do Nomenclátor de Galicia, documento que recolle todos os nomes das entidades de poboación da Comunidade Autónoma. Grazas a esta medida, o topónimo Alfoz do Castrodouro recupera a súa vixencia oficial despois de catro décadas de mutilación administrativa.

Aínda que socialmente nunca se perdeu a denominación lexítima –presente en carteis, convocatorias festivas, obras literarias e expresións artísticas–, o nome quedara incompleto desde a entrada en vigor da Lei de Normalización Lingüística de 1983.

O Seminario de Estudos do Valadouro (SEVA), que abrangue os dous concellos do val como unidade xeográfica e cultural, detectou esta alteración e iniciou en 2024 unha campaña de sensibilización. Estableceu contactos cos colectivos sociais, culturais, deportivos e veciñais de Alfoz, así como cos grupos políticos da Corporación Municipal, obtendo unha resposta positiva e unánime.

Ademais, o SEVA recolleu máis de cen sinaturas de referentes do mundo da Cultura Galega en apoio á restauración do nome histórico. O último paso precisaba do informe favorable da Real Academia Galega (RAG) e da ratificación polos órganos competentes da Xunta. Hai uns meses, a RAG elaborou a proposta de revisión de numerosos topónimos, entre eles o de Alfoz do Castrodouro. Esta proposta foi aprobada pola Comisión de Toponimia da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e finalmente ratificada polo Consello da Xunta o pasado 30 de marzo.

A restitución do histórico topónimo é celebrada polo SEVA, que tamén agradece a colaboración de colectivos, grupos políticos e veciños pola súa implicación neste acto de xustiza e recoñecemento da denominación lexítima dun concello que agora recupera oficialmente o seu nome completo.

Eduardo Fernández Galán, presidente do SEVA, destacou que “a recuperación de Alfoz do Castrodouro supón non só un acto simbólico de xustiza histórica, senón tamén un reforzo da identidade cultural e da memoria colectiva da nosa comunidade”.

0.12557315826416