O Sergas xustifica a falta de pediatras en Meira e na Pastoriza polas vacacións

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Sergas xustificou a falta de pediatra nos centros de saúde de Meira e Pastoriza polas vacacións do facultativo.
centro de saude meira
23 Jul 2022

O Sergas xustificou a falta de pediatra nos centros de saúde de Meira e Pastoriza polas vacacións do facultativo, ao que suman "a falta de médicos en determinadas especialidades". Con todo, asegura que "a atención está garantida".

Este xoves transcendía que o BNG de Lugo solicitara á Xunta de Galicia que restituíse a atención pediátrica nos centros de saúde de Meira e Pastoriza durante o verán, xa que estes son os encargados de dar servizo aos concellos mencionados e a Pol, Ribeira de Piquín, Riotorto e A Pontenova.

Tal e como explicaban, esta ausencia de profesionais implica que os pacientes teñan que desprazarse ata Vilalba ou ao HULA. O Sergas confirma que os nenos se derivan a Vilalba pero insiste en que nos centros de saúde citados "hai médicos de familia que teñen formación en pediatría".

Matizan ademais que todas as visitas enmarcadas dentro do programa Neno San foron adiantadas polo pediatra para facelas antes e que non coincida co período vacacional.

Para os nacionalistas esta situación "demostra que a carencia de persoal en atención primaria e, especialmente en pediatría, é un problema estrutural que a Xunta de Galicia non ten intención de resolver".

0.16797780990601