O Sergas asegura que o Hospital Público da Mariña terá dispoñibles o 100 % das camas no verán

AMariñaXa
Ao respecto das manifestacións da xunta de persoal sobre as camas no Hospital da Mariña, dende a área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos trasladan que a planificación asistencial para os meses de verán, tanto nesta área como no resto da comunidade, faise tendo en conta factores como os menores índices de ocupación hospitalaria nestas datas debido, fundamentalmente, a unha redución estacional de patoloxías e á correlativa redución de ingresos por enfermidade.
Hospital Público da Mariña
11 Abr 2024

“Esta planificación realízase en función de estudos exhaustivos de actividade de anos anteriores e tendo en conta a responsabilidade principal da sanidade pública galega de garantir a calidade asistencial dos pacientes durante os meses de verán, período no que se concentran a maioría de peticións de vacacións por parte do persoal”.

Dita medida, “que é xeralizada na maioría de sistemas sanitarios públicos”, aseguran que permite xestionar de forma eficiente as vacacións regulamentarias dos profesionais e conxugalas coa diminución da demanda asistencial que se produce neste período. “Non é algo exclusivo do Hospital da Mariña e, ademais, en todo caso insistir e resaltar que o Hospital Público da Mariña terá dispoñibles o 100 % das camas para ser utilizadas sempre que sexa preciso, en calquera momento”.

Reestruturar servizos

Dende o Servicio Galego de Saúde trasladan que dita medida non é nova nin é exclusiva da Mariña ou de Galicia, senón que responde a estudos exhaustivos de actividade de anos anteriores. Ademais as vacacións dos profesionais do Sergas concéntranse maioritariamente no verán. “Este feito, xunto coa redución da demanda asistencial, obriga a reestruturar no verán a dispoñibilidade de camas, pero poñendo sempre a disposición da cidadanía todos os recursos necesarios, mantendo toda a actividade clínica posible e garantindo a atención aos procesos que non admiten demora”.

Así, planifícase a actividade valorando os recursos humanos dispoñibles, posto que o verán, como sucede noutras profesións, é o período máis demandado polo persoal para desfrutar das vacacións. “Isto condiciona a necesidade de substituír ao persoal que goza deste período para garantir a actividade; e esta substitución non sempre é doada ou posible en moitas das especialidades debido á total carencia de profesionais nas listas de contratación”, apuntan.

0.19264101982117