O Senado reclama ao Goberno o desbloqueo dos parques eólicos para garantir o futuro de Alcoa

AMariñaXa
A iniciativa, impulsada polo PP e aprobada cun amplo consenso, insta a Madrid a cumprir cos compromisos pendentes coa factoría da Mariña, clave para o emprego e a economía da zona
vista-aerea-alcoa-san-cibrao
8 Apr 2025

A situación de incerteza que rodea á planta de Alcoa en San Cibrao volve estar no foco da política estatal. O Senado aprobou unha proposta impulsada polo Partido Popular na que se insta ao Goberno de Pedro Sánchez a autorizar de inmediato os cinco parques eólicos vinculados á fábrica, que levan máis de dezaoito meses á espera do visto e prace do Ministerio para a Transición Ecolóxica. O obxectivo da medida é garantir un subministro enerxético máis barato e estable para a única produtora de aluminio primario que queda en España.

O senador popular José Manuel Balseiro puxo o acento no que cualificou como unha “situación paradoxal”, pois mentres en Europa se aposta por blindar o acceso a metais estratéxicos, no Estado español peléxase por salvar unha industria esencial, que foi declarada actividade esencial durante a pandemia e que representa preto do 30% do PIB da provincia de Lugo. Alcoa xera máis de 2.000 postos de traballo, entre directos e indirectos, e é considerada a principal industria electrointensiva de Galicia e do conxunto do país.

O acordo aprobado contou co apoio do PSOE, que aceptou a transacción proposta polo PP na Comisión de Industria. Pola contra, o BNG non acudiu ao debate e VOX votou en contra. Balseiro destacou este consenso como un paso adiante, aínda que tamén advertiu que os incumprimentos do Executivo central son constantes: “Prometeron parques eólicos, axudas pola compensación do CO₂ e un estatuto electrointensivo útil, pero ningunha destas promesas se materializou. O estatuto aprobado apenas serve, reparte menos fondos e entre máis empresas, o que prexudica directamente a Alcoa”, subliñou.

No comunicado, tamén se critica a tardanza na convocatoria da mesa de seguimento do acordo de Alcoa, que segundo Balseiro, tiña que reunirse cada tres meses, pero estivo sen convocarse case un ano.

Desde o PP tamén puxeron en valor o papel da Xunta de Galicia, que, segundo indicaron, si cumpre cos seus compromisos, como demostra a recente autorización da ampliación da balsa de lodos, unha das demandas da empresa.

A Cámara Alta lanza así unha nova mensaxe de presión ao Goberno central para que reaccione ante unha crise industrial que leva anos pendente de solucións concretas. Mentres tanto, na Mariña continúa a preocupación polo futuro dunha factoría clave para o tecido socioeconómico da comarca.

⚙ Configurar cookies
0.15553498268127