O Senado debaterá unha proposta do PP para restaurar e reabrir o acceso á praia de San Bartolo en Barreiros

AMariñaXa
A iniciativa, impulsada polos senadores populares lucenses, reclama que Costas do Estado asuma as obras para recuperar un acceso peonil pechado desde hai máis de cinco anos
BARREIROS-Praia-San-Bartolo-pechada
5 Oct 2025

A Comisión de Transición Ecolóxica do Senado ten previsto analizar este luns, 6 de outubro, ás 16.00 horas, unha moción presentada polo Partido Popular que insta o Goberno central a acometer a restauración, consolidación e reapertura do acceso á emblemática praia de San Bartolo, situada no municipio mariñán de Barreiros.

O acceso peonil a este areal permanece clausurado desde hai máis de cinco anos debido aos derrubes rexistrados na zona de cantís contigua ás escaleiras. Desde entón, o conflito sobre a competencia para executar as reparacións mantén enfrontadas á Administración central e ao Concello de Barreiros, sen que ningunha das dúas partes dera unha resposta efectiva.

A proposta popular, promovida a instancias do grupo municipal e defendida polos senadores José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano, solicita que Costas do Estado asuma a responsabilidade de levar a cabo os traballos necesarios para a retirada de rochas, a consolidación do acantilado e a recuperación, en condicións de seguridade, do acceso á praia.

O senador mariñán José Manuel Balseiro, encargado de defender a iniciativa na Cámara Alta, considera que este é o momento axeitado para desbloquear a situación e avanzar cara a unha solución definitiva. “Levamos cinco anos de tirapuxas entre o Goberno e o Concello, e ningún foi capaz de ofrecer solucións. Mentres tanto, os cantís seguen deteriorándose e xerando situacións de risco, como as que se produciron este verán con novas fendas xunto ás escaleiras”, afirmou.

Balseiro subliñou ademais a importancia de que as obras se leven a cabo canto antes para garantir que o acceso estea operativo “como moi tarde, antes do próximo verán, e idealmente de cara á Semana Santa”. “É tempo de actuar sobre o terreo e demostrar máis respecto e coidado cun dos principais atractivos turísticos de Barreiros, como son as súas praias”, engadiu o senador.

⚙ Configurar cookies
0.099703073501587