O Seminario de Estudos “Terra de Viveiro” organiza unha viaxe a Lugo polo “Domingo das Mozas”

O Seminario de Estudos “Terra de Viveiro” anunciou a organización dunha excursión a Lugo con motivo da celebración do “Domingo das Mozas”, o vindeiro 12 de outubro de 2025. A saída terá lugar ás 9:30 da mañá desde a estación de autobuses de Viveiro e promete unha xornada chea de tradición, cultura e boa gastronomía.
As persoas participantes poderán gozar dun completo xantar no restaurante Manolo de Marce, con polbo á feira, carne á maragata, sobremesa, café, bebidas e chupito. Despois, o programa continuará cun percorrido polo casco histórico da cidade, onde se poderá asistir a exposicións, visitar a mostra de Artesanía Popular e gozar das distintas actuacións e eventos que encherán as rúas e o recinto feiral. A ruta incluirá tamén a visita á coñecida Rúa dos Viños, un dos epicentros da festa.
O prezo da viaxe está fixado en 45 euros para persoas socias e 50 euros para non socias, e as entradas poden adquirirse en Aquilino MAPFRE.
Desde a organización destacan que se trata dunha oportunidade única para compartir unha das datas máis significativas das festas do San Froilán, nun ambiente festivo e de convivencia.