O segundo taller de Constantes Vitais chegará este mes a varias parroquias ribadenses

AMariñaXa
As charlas que se impartirán ao longo dos vindeiros días abordarán cuestións coma primeiros auxilios básicos, os coidados da pel, prevención de caídas e coidados a persoas dependentes e aos propios coidadores
talle-constantes-vitais-ribadeo-2025
12 Feb 2025

O segundo taller de Constantes Vitais, organizado pola Concellería de Benestar Social, chegará este mes a varias parroquias ribadenses.

O día 13 de febreiro será ás 16:00 horas en Cedofeita; o 17 ás 16:00 horas en Cinxe; o 18 ás 18:00 horas en Vilaselán; e o 26 de febreiro ás 18:00 horas en Ribadeo.

O taller é impartido pola enfermeira María Roel Pardo. A concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, agradece “o traballo que María, a enfermeira da nosa concellería, está a realizar. Podemos anunciar que xa hai máis charlas preparadas, das que iremos informando aos poucos. O que pretendemos é conseguir un maior benestar e independencia dos nosos maiores”.

Segundo explica María Roel “o obxectivo do taller de constantes vitais para as persoas maiores é proporcionarlles coñecementos e habilidades para que poidan realizar un seguimento básico da súa saúde e saber actuar con responsabilidade ante cambios nos seus sinais vitais. Este tipo de taller contribúe a un maior benestar e independencia das persoas maiores, fomentando unha actitude proactiva cara á súa saúde”.

As charlas que se impartirán ao longo dos vindeiros días abordarán cuestións coma primeiros auxilios básicos, os coidados da pel, prevención de caídas e coidados a persoas dependentes e aos propios coidadores.

0.17236685752869