O sector productor da faba de Lourenzá reclama medidas urxentes nunha asemblea
O Salón de Actos de Lourenzá acolleu unha asemblea multitudinaria de medio cento de produtoras e produtores de faba, organizada polo Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas e o Consello Regulador da IXP Faba de Lourenzá. No encontro, no que interveu Isabel Vilalba Seivane, Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego e produtora de faba, analizouse a grave situación que atravesa o sector nesta campaña 2024 e acordouse esixir medidas urxentes á administración.
A colleita deste ano viuse severamente afectada polas condicións climáticas adversas e pola aparición de patoloxías que reduciron a produción ata nun 80 % en comparación cunha campaña habitual. Esta crise impacta de forma significativa nas familias labregas da comarca, para as que a produción de faba representa unha fonte esencial de ingresos, ademais de contribuír a fixar poboación e dinamizar a economía local. O cultivo tamén é un elemento de identidade cultural e social para a Mariña.
A asemblea subliñou a urxencia de medidas á Consellería de Medio Rural que garantan a supervivencia do sector, especialmente ante o envellecemento progresivo das produtoras e a perda de activos. Sen intervencións decididas, o proceso de declive podería acelerarse, levando á desaparición dun sector clave para a economía, a sociedade e a cultura da zona.
Entre as medidas acordadas na asemblea, destácanse: a creación dunha axuda directa para compensar as perdas desta campaña; a modificación da axuda da PAC, especificamente na liña de 'Axuda á produción sostible de proteínas de orixe vexetal', para que conte cunha dotación económica suficiente; a formación dun equipo de traballo que investigue os efectos do cambio climático e a aparición de novas enfermidades que afectan o cultivo; ademais, as produtoras e produtores instaron aos Concellos aos axentes implicados a apoiar estas reivindicacións, ao tempo que lembraron que en Asturias xa se están desenvolvendo medidas conxuntas entre administración e sector ás que Galicia debería poder acceder.
O Sindicato Labrego Galego advertiu que é imprescindible abrir un diálogo coa Consellería de Medio Rural para abordar estas demandas e garantir o futuro dun sector fundamental para a Mariña.