O sector pesqueiro de Celeiro convoca unha asemblea ante as novas obrigas do control da pesca da UE

AMariñaXa
A flota de baixura anuncia unha paralización indefinida e chama á mobilización social en defensa da pesca artesanal
confradia-celeiro-pescadores
15 Jan 2026

O sector da pesca de Celeiro reunirase mañá, venres 16 de xaneiro, ás 17:30 horas, en asemblea na sede da Confraría de Pescadores para analizar o impacto das novas obrigas derivadas do Regulamento de Control da Pesca da Unión Europea. O encontro servirá para valorar as accións a emprender tras a entrada en vigor das modificacións incluídas no Regulamento (UE) 2023/2842, que o colectivo considera unha seria ameaza para a supervivencia da pesca costeira e artesanal.

A frota do porto celeirense, en liña co acordado polas confrarías de todo o litoral español, iniciará o vindeiro luns 19 de xaneiro unha paralización indefinida como medida de protesta. O sector denuncia que as novas esixencias son inasumibles e poden acelerar a desaparición da flota de baixura, clave para o emprego, a economía local e a conservación dunha actividade tradicional e sostible.

Entre as medidas máis controvertidas atópase a obrigatoriedade dun preaviso mínimo de catro horas para a entrada en porto, así como a supresión da exención de 50 quilos no Diario Electrónico de A Bordo, o que obriga a declarar todas as capturas desde o primeiro quilogramo. Segundo explican desde a Confraría, o incumprimento destas normas pode derivar en sancións elevadas que moitas embarcacións non están en condicións de asumir.

As confrarías trasladaron xa á administración que non están dispostas a ceder e reclaman o apoio da Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. De feito, o propio luns representantes da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores e de catorce federacións provinciais e autonómicas manterán unha reunión en Madrid coa Secretaría Xeral de Pesca para abordar esta situación.

Paralelamente, en Celeiro está prevista para a mañá do luns 19 unha concentración aberta á veciñanza en defensa da pesca costeira artesanal. A mobilización celebrarase previsiblemente na Praza do Náufrago, fronte á sede da Confraría, aínda que a hora definitiva confirmarase nos vindeiros días. Desde a organización fan un chamamento á participación de toda a cidadanía de Viveiro, así como de empresarios, traballadores, persoas xubiladas e familias.

Desde a Confraría de Pescadores de Celeiro insisten na necesidade de contar co respaldo social nun momento que cualifican de crítico. “Defender a pesca artesanal é defender o emprego, a economía local e unha actividade respectuosa co mar. Sen frota costeira de baixura non hai futuro”, subliñan, advertindo de que tradición, traballo e mar están en perigo se non se revisan as medidas impostas.

⚙ Configurar cookies
0.075589895248413