O sector da faba de Lourenzá acusa á Xunta de incumprir os compromisos anunciados

O Sindicato Labrego Galego (SLG) vén de denunciar publicamente o incumprimento dos compromisos adquiridos pola Consellería do Medio Rural para apoiar ao sector produtor da faba de Lourenzá, gravemente afectado pola última colleita.
O pasado 14 de marzo, a conselleira María José Gómez anunciara en Ribadeo, nun encontro con alcaldes e representantes locais, unha serie de medidas urxentes para paliar a crise: entre elas, unha axuda directa de até 2.000 euros por hectárea para os produtores inscritos na IXP Faba de Lourenzá e a creación dun instrumento financeiro específico, previsto para abril, que permitise adiantar liquidez ás persoas agricultoras de toda Galicia e, en particular, ás da Mariña lucense.
Porén, a día de hoxe, ningún deses mecanismos foi posto en marcha. “Xa estamos en maio e non hai convocatorias abertas nin de axudas directas nin do fondo financeiro prometido”, sinala Isabel Vilalba, produtora de faba e secretaria xeral do SLG. Segundo ela, a situación está a afectar gravemente ao sector: “Hai produtores que non poden facer fronte aos custos da nova plantación e que tiveron que devolver materiais como titores”.
O sindicato pide tamén que as axudas non se limiten exclusivamente ás 19 explotacións inscritas na IXP, senón que cheguen a todas as persoas que traballan no cultivo da faba, dado que as perdas foron xeneralizadas.
Antes do anuncio da Consellaría, representantes do SLG mantiveron diversas reunións con produtores galegos e asturianos, así como co director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, para propoñer medidas concretas.
Agora, o sindicato reitera as súas principais demandas, apoio conxunto co Principado de Asturias para lograr en Madrid unha axuda asociada á faba dentro da PAC, como sucede noutros países da UE; a creación dunha axuda agroambiental de 635 €/ha, como a que xa ofrece Asturias e a activación inmediata dunha axuda de crise financiada con fondos propios da Xunta, para todas as produtoras e produtores, estean ou non inscritos na IXP.
“Levamos desde finais de 2023 advertindo da gravidade da situación, e seguimos sen resposta. Incluso pedimos hai medio ano unha reunión coa conselleira, e aínda non obtivemos contestación”, conclúe Vilalba.