O sector da faba de Asturias e Galicia esixe medidas urxentes ante a súa crise

Os produtores e produtoras de faba de Asturias e Galicia reuníronse onte en Navia, Asturias, para analizar a difícil situación que atravesa o sector e consensuar propostas que presentarán ás Administracións. O encontro permitiu constatar que ambas comunidades comparten preocupacións e necesidades urxentes, polo que demandan actuacións inmediatas.
Entre as medidas solicitadas, destaca a creación dunha liña de axudas directas suficientes para compensar as perdas sufridas na campaña de 2024. Reclaman que estas axudas cheguen a todos os produtores, independentemente de estaren inscritos nunha Indicación Xeográfica Protexida (IXP). Así mesmo, propoñen a implantación dunha axuda agroambiental específica para a faba, con condicións máis flexibles que as actuais.
Os produtores tamén piden que se flexibilicen os requisitos esixidos aos mozos e mozas que iniciaron o cultivo en 2022 e 2023, tendo en conta a drástica redución da colleita nun 80% debido a un fungo. Ademais, solicitan reunións de traballo co SERIDA e o CIAM para trasladarlles as súas necesidades en materia de semente, pragas e produtos fitosanitarios autorizados.
Outra demanda clave é o reforzo das axudas para a contratación de seguros agrarios, considerando que deben ser unha ferramenta complementaria e accesible. En última instancia, os produtores esixen que as Administracións se senten a negociar con eles para garantir a viabilidade do sector e evitar o seu colapso.