O secretario xeral dos socialistas defendeu "mirar cara adiante" no Comité Provincial de Lugo

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Comité Provincial de Lugo convocado para analizar os resultados das eleccións autonómicas contou coa presenza do secretario xeral do PSdeG na provincia, José Tomé Roca, que subliñou que “estamos nun momento no que toca mirar para adiante, traballar de pico e pala no Parlamento e no territorio co equipo e co proxecto de Besteiro para remontar, para que dentro de catro anos sexamos capaces de ser unha alternativa real para presidir a Xunta de Galicia e rematar con case 20 anos de goberno do PP.
Comité Provincial PSOE
9 Mar 2024

O Comité Provincial de Lugo convocado para analizar os resultados das eleccións autonómicas contou coa presenza do secretario xeral do PSdeG na provincia, José Tomé Roca, que subliñou que “estamos nun momento no que toca mirar para adiante, traballar de pico e pala no Parlamento e no territorio co equipo e co proxecto de Besteiro para remontar, para que dentro de catro anos sexamos capaces de ser unha alternativa real para presidir a Xunta de Galicia e rematar con case 20 anos de goberno do PP. Xa temos experiencia porque de 13 deputados pasamos a 25 con Touriño, e temos que ser capaces de volver a facer o mesmo”.

José Tomé asegurou que os socialistas “debemos perfilar e definir un proxecto que encabece Besteiro, serio, sólido e solvente, un proxecto do PSdeG, galeguista e leal co conxunto do Partido Socialista, pero galeguista. Toca axudar a conectar coa sociedade galega, coa xuventude, cos sectores económicos, culturais e sociais deste país”, incidiu.

O líder dos socialistas chamou a “facelo xa”, lembrando que no Comité Nacional Galego de hai unha semana o Secretario Xeral, Valentín González Formoso, anunciou a convocatoria de primarias para o día 7 de abril e un Congreso extraordinario para o día 27 do vindeiro mes, no cal tomará o relevo o compañeiro Besteiro para liderar o noso proxecto tanto no Parlamento, como no partido, e dende logo contará co noso apoio”.

José Tomé afirmou que na campaña, tanto o PSdeG coma Besteiro, “tivemos demasiados factores en contra: falta de tempo para explicar o noso proxecto aos galegos e galegas, unha situación política xeral moi desfavorable, os medios públicos que condicionaron á opinión pública, unha polarización da campaña en clave estatal e un bombardeo constante de que o voto útil era votar ao BNG e quedou claro que non é así. Todos estes elementos conformaron un escenario moi complicado para o Partido Socialista”, indicou.

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia recalcou que nas eleccións autonómicas “quedou claro que é imposible o cambio en Galicia se non o lidera o Partido Socialista”, chamou á “tranquilidade nas accións e nos cambios que hai que levar a cabo” e recalcou que os socialistas “temos os bimbios suficientes para levantar” os resultados do partido. Así, rematou a súa intervención “agradecendo a xenerosidade de Valentín González Formoso dando un paso ao lado e poñéndose a disposición de Besteiro para colaborar e axudar en todo o que precise, apoiando sen fisuras”.

0.16891002655029