O scape room “As chaves da historia” triunfa en Mondoñedo e continúa a súa ruta por A Mariña

O scape room “As chaves da historia” celebrouse o pasado sábado en Mondoñedo cunha gran acollida por parte da veciñanza. A proposta, que conta coa colaboración do Concello de Mondoñedo, Skeirrum e os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDRs) participantes, encheu de ambiente lúdico as rúas da cidade episcopal.
A organización destacou o éxito da convocatoria e agradeceu tanto ao público como ás entidades colaboradoras o apoio recibido. Os gañadores da proba levaron como premio unha experiencia para seis persoas dentro do territorio dos GDRs, e entre todos os equipos que lograron completar o xogo sorteouse tamén unha cesta de produtos locais representativos das catro entidades participantes.
Tras a súa parada mindoniense, o scape room terá continuidade noutros dous puntos da Mariña: o 27 de setembro en Ribadeo, ás 11:00 horas, e o 4 de outubro en Viveiro, ás 11:30 horas. A inscrición é gratuíta e pode realizarse a través da web skeirumtienda.com/xogal.
Ademais, para aquelas persoas que non poidan acudir nas datas programadas, a organización mantén os scape rooms abertos durante un mes, co obxectivo de facilitar a súa realización posterior. Desde os GDRs animan á veciñanza a sumarse á iniciativa, que busca mesturar cultura, historia e lecer nun formato participativo e accesible.