O San Xoán das Corporacións regresa a Foz cunha xornada chea de música e tradición

O tradicional San Xoán do barrio das Corporacións, en Foz, celebrarase este 23 de xuño cun completo programa de actos que mesturan raíces culturais, música en directo e espírito comunitario. A Deputación de Lugo, a través da súa Vicepresidencia, colabora activamente coa organización desta festa, impulsada pola asociación cultural Pé do Molete, coa intención de dinamizar a vida social e festiva do municipio.
O deputado de Mocidade, Daniel García, participou na presentación oficial do evento e destacou o labor da entidade organizadora, á que agradeceu “a súa capacidade para xuntar á veciñanza arredor dunha celebración que honra rituais ancestrais, parte fundamental do noso legado colectivo”. Subliñou ademais que esta colaboración enmárcase nas liñas de actuación da Vicepresidencia, orientadas a promover a música tradicional, a animación de rúa e a cultura galega nas festas das distintas comarcas.
A xornada dará comezo ás 13:30 horas co pregón a cargo de Juan Prendes Méndez (Juanry), que marcará o inicio dun día repleto de actividades. A festa contará cunha comida popular e diversas actuacións musicais, entre as que destacan os Festicultores Troupe, o grupo Kombarullo e a formación O Feitizo, que acompañarán tanto a tarde como a noite cun ambiente cheo de enerxía, diversión e identidade galega.
O San Xoán das Corporacións é unha cita xa consolidada no calendario festivo focense e representa un exemplo de como o tecido asociativo mantén vivas as tradicións populares, combinando participación cidadá, cultura local e creatividade.