O SAF de Mondoñedo xera 26 postos de traballo e atende a 118 familias
O Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Mondoñedo atende a 118 familias, das que 62 son dependentes e 56 reciben a prestación básica.
Deste xeito, o servizo está totalmente ao día, sendo este para o goberno local un dos máis importantes que presta, co fin de que a xente maior viva nos seus domicilios o maior tempo e nas mellores condicións posibles.
Creación de emprego
A través do SAF, a entidade local tamén crea emprego. Concretamente, o Concello ten 26 auxiliares de axuda no fogar, das que tres están contratadas para as vacacións. A atención é de luns a domingo e en horario de mañá e tarde, mediante persoal propio.
A este servizo, o Concello destina unha importante cantidade económica. Ademais da aportación que fai o propio Concello, no caso do Servizo de Axuda no Fogar-Dependencia está subvencionado, en parte, polo Servizo de Dependencia da Consellería de Política Social, e o SAF-Prestación Básica, en parte, a través do Plan Único da Deputación de Lugo.