O sábado 15, Celeiro acollerá a XXIV Festa da Merluza do Pincho
Durante o sábado 15 de xullo Celeiro acollerá a XXIV Festa da Merluza do Pincho, unha cita imprescindible na época estival. Nesta cita repartiranse unhas 2.000 racións de oito elaboracións como son en empanada, en caldeirada, á galega, en salsa verde, en salpicón, especial Penalba, en Galipizza e en Chilindrinas.
A festa, que supón un dos eventos gastronómicos máis importantes da comarca poñendo en valor un dos produtos de máis prestixio da gastronomía galega, celébrase de novo grazas a unha carpa de grandes dimensións financiada polo concello.
A partir das 21.00 horas diante da piscina municipal de Celeiro terá lugar esta festa gastronómica e que como novidade, este ano haberá un photocall para que a xente saqué fotos e desfrute da festa xunto coa animación musical a cargo do grupo de música tradicional Os do 21 do Vicedo, o dúo Caramelo. Tamén haberá un sorteo dunha cesta de produtos.
A Festa da Merluza está organizada pola Asociación Cultural e Deportiva Penalba coa colaboración do Concello de Viveiro, da Cofradía de Pescadores de Celeiro, que dona a merluza precisa para as diferentes elaboracións, xunto ao grupo empresarial Puerto de Celeiro, ademais do apoio da Deputación de Lugo.
Tamén é imprescindible a axuda dos veciños e veciños de Celeiro, que cada ano participan activamente no cociñado das diferentes receitas para a exaltación deste produto.