O ritmo de Uganda e Ruanda soará no auditorio Pascual Veiga nun concerto solidario

Mondoñedo converterase no epicentro da música africana o vindeiro 21 de agosto coa chegada de Los Ugandan Sticks e os seus tambores de Ruanda. O concerto celebrarase ás 20.00 horas no auditorio municipal Pascual Veiga e terá un fin solidario, xa que a recadación irá destinada ao proxecto Música para Salvar Vidas, que traballa coidando nenos e nenas orfos en Uganda, axudándoos a crecer a través da música e da danza.
O grupo está composto por artistas como Wasswa Swaibu Semwogerere, Addai Eric Moses, Katumba Samuel, Serugo Allan e Malagala Jeremiah, quen ofrecerán ao público mindoniense un espectáculo cheo de enerxía, percusión e tradición. As entradas teñen un prezo de 10 euros e pódense adquirir na Oficina de Turismo, unha hora antes do espectáculo ou a través da plataforma giglon.com.
Como complemento ao concerto, o día 22 de agosto ás 12.00 horas realizarase un taller de percusión pensado para crianzas e adultos, co obxectivo de achegar o público local ao universo rítmico africano.