O Ribadeo de Tapeo celebra a súa décimo oitava edición con 21 locais e novas sorpresas

Ribadeo xa se prepara para saborear unha nova edición do seu evento gastronómico máis emblemático. Do 10 ao 18 de maio celebrarase o XVIII Ribadeo de Tapeo, unha cita consolidada no calendario primaveral da vila e que este ano contará coa participación de 21 establecementos hostaleiros locais.
A concelleira de Promoción Económica, Marta Saiz, salientou que “este sábado arrinca unha das citas máis esperadas da primavera no noso concello”. Durante dez días, tanto veciñanza como visitantes poderán degustar as elaboracións doces e salgadas que os locais prepararon para a ocasión.
As tapas terán un prezo fixo de 3 euros e serviranse durante un intervalo de catro horas diarias, ben á hora do xantar, pola tarde ou combinando ambas franxas. Deste xeito, segundo indicou Saiz, “garántese a participación de todos os locais independentemente dos seus horarios habituais”.
Nesta edición, un xurado profesional escollerá as catro mellores tapas, mentres que o público poderá votar a súa preferida a través da aplicación móbil oficial do evento ou cubrindo un cartón físico dispoñible en cada establecemento. Para emitir o voto será preciso probar como mínimo cinco tapas dunha mesma zona. Entre todas as persoas participantes sortearanse agasallos gastronómicos e culturais, como almorzos, lotes de vermú e viño, ou experiencias de tapeo.
Outra das novidades é a división do percorrido en tres zonas diferenciadas: A Larpeira, A Lambereteira e A Lambisqueira. Ademais, instaurarase de novo o galardón Larpeiro de Ouro, reservado a quen complete o percorrido polos 21 locais. E para quen vote a través da aplicación móbil sortearanse cinco premios de 50 euros.
Os máis pequenos tamén terán o seu espazo na ruta coa iniciativa Picariño Lambón, pensada para nenos e nenas de ata doce anos, que poderán optar a dous lotes de libros infantís.
Os establecementos participantes nesta edición son: Barallocas, Cayo Coco, Ramonita, Rosa Lar, Parador de Ribadeo, Galicia, El Oviedo, Kalpa Amodiño, Mesón D’ Cata, Marinero, La Bugalla, Mareta, La Flor de Jose, La Quinta, O Indiano, Fumarel, El Rincón del Gordo, Araucaria, Copacabana, O Furancho no Camiño e Voar.
Marta Saiz tamén destacou que moitos dos locais contaron co asesoramento culinario do recoñecido cociñeiro Álvaro Villasante, membro do Grupo Nove, “o que sen dúbida contribuirá a mellorar a calidade e presentación das propostas”.
A edil rematou animando “a toda a veciñanza de Ribadeo, da comarca e aos visitantes a gozar dunha ruta que combina sabor, creatividade, tradición e innovación”.