O ribadense Lourenzo Fernández Prieto ingresará na Real Academia Galega como membro de número

AMariñaXa
O ribadense Lourenzo Fernández Prieto ingresará o sábado 3 de xuño na Real Academia Galega como membro de número.
Lourenzo Fernández Prieto Ribadeo academico RAG
28 Maio 2023

O ribadense Lourenzo Fernández Prieto ingresará o sábado 3 de xuño na Real Academia Galega como membro de número. A sesión extraordinaria pública terá lugar no teatro Jofre de Ferrol, a cidade onde medrou, a partir das 12:00 horas. O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela dará lectura ao discurso titulado A memoria, a historia e a política. A esquecida polémica Cela versus Paz-Andrade sobre a lexitimidade democrática, a memoria republicana e a Autonomía de Galicia en xullo de 1977, ao que lle dará resposta en nome da institución o coordinador da Sección de Historia, Ramón Villares. Lourenzo Fernández Prieto ocupará a vacante producida no ano 2020 polo pasamento da poeta Luz Pozo Garza.

A sesión de ingreso é de entrada libre ata completar a capacidade do teatro e poderá seguir tamén en directo dende academia.gal.

Lourenzo Fernández Prieto centra a súa investigación en dúas grandes liñas: a historia agraria contemporánea e o estudo da guerra civil e do franquismo. Na primeira destaca pola perspectiva innovadora que aplicou no estudo das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario, que se ocupa das relacións entre a agricultura e a ciencia agronómica e, de forma complementaria, da análise da historia do mundo agrario e a sociedade rural cun enfoque ambientalista. É coordinador do Grupo de historia agraria e política do mundo rural Histagra, e dirixiu a Cátedra universitaria Juana de Vega de Estudos Agrarios.

En 2006 iniciou unha nova liña de traballo centrada no golpe de 1936, a guerra e a ditadura de Franco que afonda na memoria das persecucións, das vítimas e dos vitimarios. A través do proxecto interuniversitario Nomes e Voces, abriu unha serie de estudos que son unha referencia no campo da historiografía española e internacional do século XX.

Ao longo da súa carreira, foi investigador principal de máis de vinte proxectos de investigación competitivos e outros tantos convenios relacionados cos seus campos de investigación. A relación con grupos e centros de investigación de institucións españolas, europeas e americanas é outra constante do labor de Lourenzo Fernández Prieto, membro de redes internacionais e profesor convidado das universidades de Princeton (Oates Fellow, Council of Humanities), Cidade de Nova York (Graduate Center) ou Cork (Department of Geography).

O académico electo  é ademais vicepresidente da Sociedad de Estudios de Historia Agraria (SEHA) e foi director do Departamento de Historia Contemporánea da USC. Como historiador colabora adoito en medios de comunicación, e publica semanalmente un artigo en La Voz de Galicia.

Como divulgador é ademais autor, entre outros traballos, do estudo introdutorio do Diario da guerra de Francisco Fernández del Riego, editado este mesmo ano co gallo do Día das Letras Galegas dedicado ao intelectual de Lourenzá.

0.16777396202087