O Resurrection Fest volverá a poñer a Viveiro no mapa co mellor do metal, o punk e o hardcore
Os vindeiros días 26, 27, 28 e 29 de xuño volverá a poñerse no mapa mundial Viveiro, A Mariña e o conxunto da provincia de Lugo grazas ó Resurrection Fest, que este ano reunirá a 89 bandas nun dos carteis máis grandes e ambiciosos, dado que máis de 60 delas nunca actuaran antes en Viveiro e outras 17 nunca o fixeron en España.
Este ano o Resurrection Fest contará con bandas como Alice Cooper, The Offspring, Avenged Sevenfold, Sum 4, Machine Head, Megadeth, Bad Omens, Babymetal, Electric Callboy, Acept, Fear Factory, Delain, Sôber, Finntroll, Crystal Lake, Biohazard, Comeback Kid, Cromags, Bob
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou coa alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, un acordo de colaboración para impulsar a proxección da 19ª edición do Resurrection Fest cunha achega da institución provincial de 150.000 euros.
José Tomé deixou de manifesto que a institución provincial ten un compromiso firme co Concello de Viveiro e co festival para contribuír á súa celebración porque “é moito máis que música, o Resurrection Fest é unha celebración cultural de gran importancia para a nosa provincia e para toda Galicia”. “Estamos comprometidos con seguir colaborando co Resurrection Fest para asegurar o seu éxito continuado e para fomentar o seu impacto positivo na Mariña e na provincia de Lugo”, afirmou.
Referente no panorama musical
Ao longo dos anos, lembrou o mandatario provincial, o Resurrection Fest converteuse nun referente no panorama musical, atraendo a milleiros de persoas de todas partes do mundo. “A súa contribución á promoción do noso territorio non ten precedentes, e por iso é fundamental que sigamos apoiando este tipo de eventos non só a nivel económico, senón tamén a nivel social”. Agradeceu ao Concello, a todos os organizadores, voluntarios, patrocinadores e colaboradores “que fan posible que o Resurrection Fest sexa un éxito ano tras ano o seu traballo e dedicación”.
Así mesmo, explicou que se trata dun evento “que concorda perfectamente co modelo de turismo polo que apostamos na Deputación. Vivir experiencias, desfrutar da música e compartir momentos únicos con xente de todo o mundo nun enclave espectacular como é a comarca da Mariña”. Nas súas palabras, o presidente evidenciou que o festival conta cunha alta calidade musical e xera un retorno “moi importante”.
Así, os datos das últimas edicións do Resu revelan que, de cada 10 euros investidos no festival, 4 quédanse na industria da música, mentres outros 6 quedan na contorna. Desta forma, xuntando o impacto socioeconómico e a promoción mediática, o retorno do Resurrection Fest sitúase nuns 25 millóns de euros para a comarca da Mariña.