O Resurrection Fest celebra 20 anos como referente mundial coa maior edición da súa historia

Viveiro prepárase para acoller unha edición histórica do Resurrection Fest, que celebra este 2025 o seu 20º aniversario con catro días de música a toda intensidade e unha previsión de asistencia que supera os 120.000 seguidores. A Deputación de Lugo, a través da área de Economía e Facenda que dirixe Carmela López Moreno, volve apostar polo evento cunha achega de 150.000 euros que contribúe á celebración desta efeméride tan sinalada para a cultura musical galega e internacional.
Na presentación do festival, celebrada este luns no recinto do Resu, a tamén alcaldesa de Burela destacou que o apoio continuado da institución provincial ao longo de dúas décadas foi clave para o crecemento do evento. “O Resurrection Fest consolidouse como unha cita indispensable para os amantes do metal e do hardcore, pero tamén como un motor económico e turístico para toda A Mariña”, afirmou Carmela López, quen puxo en valor o impacto que o festival xera na hostalaría, o comercio e os servizos locais. “A ocupación hoteleira está ao 100% na comarca estes días”, asegurou.
O cartel desta edición promete ser o máis potente ata o de agora, con actuacións de bandas icónicas como Judas Priest, Korn, Falling In Reverse ou Slipknot, que pecharán cada unha das xornadas entre o 25 e o 29 de xuño. A iso súmanse nomes como Till Lindemann, Tarja, Jinjer, Heredeiros da Crus ou Tesseract, entre moitos outros, nun line-up que inclúe tamén actuacións exclusivas en España e xiras internacionais únicas.
O Resurrection Fest forma parte dos Concertos do Xacobeo, programa promovido pola Xunta de Galicia para apoiar os grandes eventos musicais da comunidade. Durante a visita ao recinto, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacaron a capacidade do festival para atraer públicos de todo o mundo e para dinamizar o territorio. “Viveiro está preparada para unha nova experiencia musical e cultural lexendaria, cun evento que congrega cada ano a máis de 120.000 persoas de máis de 40 países”, afirmou Merelles.
Ademais dos concertos, o Resurrection volve incorporar actividades que xa se converteron en parte da súa identidade, como as vodas durante o festival, que este ano contarán con 1.500 parellas inscritas. Trátase dun evento único no seu xénero, que combina música, cultura e turismo e que se posiciona como escaparate global da oferta galega.