O repenicar dos bolillos volve a Cervo no Encontro de Palilleiras que contará con feira de artesanía e demostracións
O Concello de Cervo retomará este próximo sábado, 25 de maio, o XVII Encontro de Palilleiras, que non se celebraba desde a pandemia, e que se traslada por primeira vez ao centro de San Ciprián, á carpa instalada na Praza dos Campos. A cita foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés, por membros da asociación Mulleres de San Ciprián, de A Rebolaxe, e da asociación Saúde Mental A Mariña, que colaboran na celebración do evento, xunto con Marmeladas A Morena e a hostalería de San Ciprián.
Tal e como explicaron, vaise celebrar tamén de xeito complementario unha feira de artesanía e alimentación que contará cunha trintena de postos de venta de todo tipo de artigos. A inauguración do encontro que contará con artesás da comarca e de diferentes puntos de Galicia e Asturias, terá lugar ás 12.00 horas e estará amenizada polo grupo folclórico local A Rebolaxe.
Ao longo da xornada haberá demostracións de Cestería Tradicional a cargo de Beatriz Valín, e diversos sorteos, e máis sorpresas. O Concello de Cervo está a ultimar xa todos os detalles para acoller este encontro “tan agardado” e convida a veciños e a visitantes a achegarse ata a Praza dos Campos unha oportunidade para ver en vivo e en directo as habilidades das palilleiras, “un oficio que é auténtico arte coas mans”, precisou a alcaldesa.