O Rei Cintolo convértese nunha aula natural para o alumnado galego

A Xunta de Galicia, a través do Servizo Provincial de Deportes de Lugo e no marco do programa XOGADE, pon en marcha un ciclo de actividades dirixido a centros educativos co propósito de promover a práctica da espeleoloxía entre o alumnado.
O Concello de Mondoñedo converterase no epicentro destas xornadas, que combinarán sesións formativas e prácticas no Polideportivo Municipal con unha visita guiada á coñecida Cova do Rei Cintolo. As clases serán impartidas por persoal técnico especializado, que achegará aos estudantes os conceptos básicos desta disciplina deportiva e científica.
As actividades contan coa participación da Federación Galega de Espeleoloxía e coa colaboración do GDR Terras de Miranda, a través do programa Leader 2023-2027 que desenvolve xunto coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. En total celebraranse dez xornadas, durante as cales o alumnado poderá tomar parte en diferentes propostas vinculadas á espeleoloxía e descubrir ao mesmo tempo o valor natural e patrimonial das covas mindonienses.
Segundo sinalan os organizadores, o obxectivo é ofrecer unha experiencia educativa completa, que combine coñecemento teórico, actividade física e divulgación do patrimonio subterráneo de Galicia, fomentando así o respecto polo medio natural e o interese pola súa conservación.