O recorte de cotas de pesca fixado en Bruxelas terá un impacto na economía galega

AMariñaXa
O recorte de cotas de pesca fixado en Bruxelas para 2022 terá un impacto de máis de 16 millóns de euros na economía galega
barco pesca mar red peixe
18 Dec 2021

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, expuxo hoxe na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia que as estimacións realizadas pola Consellería do Mar sobre os recortes nos totais admisibles de capturas (TAC) e cotas no Cantábrico Noroeste e en augas de Francia aprobados no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea desta semana teñen un posible impacto na economía galega de máis de 16 millóns de euros.

Esta cifra -que se engade aos 26 millóns estimados nas rebaixas das posibilidades de pesca establecidas en 2020 para este ano que está a piques de rematar- inclúe as consecuencias no conxunto de actividades vencelladas co sector marítimo-pesqueiro galego, que ten incidencia dalgún xeito en 64 das 81 ramas de actividade económica existentes na comunidade.  

A representante do Executivo galego explicou que o cálculo fai referencia ao acordo xa pechado para as pesqueiras do Atlántico e do mar do Norte, sen incluír as augas compartidas co Reino Unido. Nestas últimas establecéronse para o primeiro trimestre de 2022 cotas provisorias e proporcionais correspondentes ao TAC existente este ano -o que dá estabilidade á actividade da frota- á espera de que se peche o acordo definitivo entre Bruxelas e o Goberno británico.

Mercedes Rodríguez detallou que a incidencia directa na frota pesqueira galega ascende a preto de sete millóns de euros, o equivalente aos ingresos que deixará de percibir pola primeira venda desas toneladas de captura que se perden. De feito, abundou, Galicia concentra o 63% do impacto das reducións das posibilidades pesca nos caladoiros do Cantábrico Noroeste, entre as que se inclúen o descenso do 8% na pescada de augas ibéricas, a caída do 19% no lirio ou os recortes do 7% na xarda e do 5% no linguado. 

En canto ás repercusións desde o punto de vista laboral, a directora xeral sinalou que o acordo de TAC e cotas pon en risco preto de 60 empregos e 2,4 millóns de euros en salarios das tripulacións, que deixarían de ser percibidos polos mariñeiros. De feito, o impacto medio por tripulante como consecuencia dese axuste ascendería a 282 euros na súa remuneración anual, unha contía que habería que engadir aos máis de 1.700 euros perdidos de media coas rebaixas de cotas aplicadas xa neste 2021. 

A representante da Consellería do Mar tamén cuantificou a incidencia indirecta do resultado do Consello de Ministros de Pesca da UE sobre os bens e servizos provistos aos barcos, que cifrou nuns 2,8 millóns de euros incluíndo os gastos de abastecemento de combustible, xeo, víveres e servizos de reparación ou administrativos, entre outros.

BALANCE DO ACORDO

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica cualificou os resultados acadados no acordo sobre os TAC e cotas para 2022 de escasos e moi limitados pois na maioría dos casos unicamente se lograron suavizar algunhas propostas iniciais de recortes ou a estabilidade nas cotas doutros recursos complementarios ou accesorios. Dos 17 stocks sobre os que xa se estableceron as posibilidades de pesca -o resto son compartidos co Reino Unido- só soben en catro mentres que se manteñen estables en cinco e baixan en oito.

Neste sentido, Mercedes Rodríguez indicou que o resultado global das cotas pechadas para o Cantábrico Noroeste en 2022 supón un descenso de máis do 3% con respecto a 2021, polo que o Executivo galego considera negativo o acordo acadado. Entre os poucos aspectos positivos a destacar, remarcou, estarían a mellora no caso do xurelo -que pasou dunha proposta inicial de recorte das cotas do 16% a unha suba do 12%- e o menor recorte da pescada en augas ibéricas -do 8%, fronte ao -18% inicial-. 

A estas melloras, lembrou a directora xeral, contribuíron os informes elaborados entre a Xunta, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o sector para facer chegar ás institucións europeas o impacto socioeconómico que terían as propostas de rebaixa das posibilidades de captura en especies como a pescada, o xurelo ou o peixe sapo. Eses estudos foron entregados á delegación española na negociación, integrada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Goberno andaluz en representación das comunidades autónomas.

ASPECTOS SOCIAIS

A representante do Executivo galego lamentou que, tras tantas horas de negociación -foi o Consello de Ministros de Pesca da UE máis longo dos últimos anos-, non se acadasen melloras de maior calado e que a Comisión Europea non fose sensible á situación actual de alerta sanitaria, na que o sector pesqueiro foi declarado esencial e traballou arreo para abastecer de alimentos de calidade á cidadanía malia que nalgunhas ocasións non era rendible. Ademais, desaprobou que na fixación das posibilidades de pesca non haxa un equilibrio entre os aspectos medioambientais, económicos e sociais, como debería ser de acordo coa política pesqueira común (PPC). 

Ante esta situación, concluíu Mercedes Rodríguez, Galicia seguirá a traballar da man do sector co obxectivo de que poida manter a súa actividade e demostrar ás autoridades europeas que a pesca ten futuro e que a frota galega a practica de xeito responsable e respectuoso cos recursos. De feito, ese bo facer permitiu que a maioría dos caladoiros nos que faenan os buques galegos se atopen en rendemento máximo sustentable (RMS), o nivel óptimo de capturas que se pode extraer dunha poboación sen afectar ao recurso.

0.19822216033936