O rastro popular de Burela contará cunha Mesa do Libro solidaria e de intercambio
O Rastro Popular Solidario promovido pola Delegación de Cultura do Concello de Burela contará este domingo 28 de agosto cunha novidade habilitando unha Mesa do Libro solidaria e de intercambio.
A idea é a de realizar unha proposta aberta para que as persoas que teñan libros que xa non usen ou que simplemente queiran ceder ou compartir con afeccionados á lectura ou veciños que teñan un máis difícil acceso á compra de libros podan facerse con eles de xeito gratuíto. No caso de que queden algúns exemplares cando remate o Rastro, irán para a Biblioteca Municipal.
A mesa estará xestionada por persoal do Concello de Burela co obxectivo de que se depositen o maior número de libros para a promoción da lectura, o intercambio literario e a oportunidade de obter libros de balde, así como darlles unha segunda vida.
“Todo aquel que queira pode achegar os seus libros, e así animamos á xente a facelo”, afirmou o edil de Cultura, Jose Díaz, quen presentou esta novidade “que anunciamos para probar se funciona e ten aceptación entre os veciños”, ao tempo que se fai “unha pequena homenaxe ao libro e á lectura en si mesma, buscando distintas formas de promocionala e poñela en valor”, afirmou.
Díaz anima a participar a todas as persoas “que seguro que teñen libros na casa que cumprirían estas características para a mesa de lectura solidaria e de intercambio”, adiantando que o Rastro deste domingo 28 de agosto, en horario de 10 a 15 horas, “xa conta cun bon número de persoas anotadas”.