O punto móbil de Ribadeo está ata o 4 de maio a carón do teleclube de Arante
O punto móbil do Concello está ata o 4 de maio a carón do teleclube de Arante. Trátase da novena parada deste vehículo, adquirido para dar servizo ás parroquias.
O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz, explica que “rematamos a primeira quenda do calendario que establecemos para este 2023 co obxectivo de que toda a veciñanza de Ribadeo poida reciclar da mellor maneira posible achegando este punto móbil a nove parroquias”.
O edil ribadense lembrou que “a veciñanza pode depositar no punto limpo móbil residuos domésticos como aceite usado, pilas, aparatos electrónicos pequenos, luminarias, CDs, DVDs, radiografías, cápsulas de café, etcétera”.
Do 4 ao 18 de maio o punto móbil estará en Vilaselán, do 18 de maio ao 1 de xuño volverá a Piñeira, do 1 ao 15 de xuño visitará Vilaframil, do 15 ao 29 de xuño na Devesa, do 29 de xuño ao 13 de xullo en Santalla de Vilausende, do 13 ao 27 de xullo volverá a Couxela, do 27 de xullo ao 10 de agosto estará en Cedofeita, do 10 ao 24 de agosto en Covelas e rematará a segunda quenda en Arante do 24 de agosto ao 7 de setembro.