O punto limpo móbil percorrerá todas as parroquias de Foz ata comezos de xuño

O Concello de Foz vén de dar a coñecer o calendario do punto limpo móbil para os primeiros meses de 2026, un servizo itinerante co que se busca achegar a correcta xestión dos residuos especiais á veciñanza de todas as parroquias do municipio. O dispositivo estará operativo desde finais de xaneiro ata comezos de xuño, permanecendo aproximadamente unha semana en cada emprazamento.
O percorrido comezou en Cordido en xaneiro e a continuación trasladouse a Alemparte o 10 de febreiro. En Nois, o servizo prestarase no Centro Social Saira entre o 11 e o 17 de febreiro.
Durante o mes de febreiro e comezos de marzo, o calendario inclúe dúas paradas en Fazouro: na LU-151, estrada de San Acisclo, do 18 ao 24 de febreiro, e na área recreativa, do 25 de febreiro ao 3 de marzo. Xa en marzo, o punto limpo móbil estará en San Martiño (Forxán) do 4 ao 10, en Foz (Marzán, Pavillón Municipal) do 11 ao 17 e en Foz (Vilaxoane) do 18 ao 24.
O itinerario continuará por Vilarronte, con paradas en Mañente do 25 ao 31 de marzo, na Espiñeira do 1 ao 7 de abril e xunto á igrexa do 8 ao 14 de abril. Posteriormente, regresará a San Martiño, onde estará en O Caritel do 15 ao 21 de abril, en Ver do 22 ao 28 e en A Ermida do 29 de abril ao 5 de maio.
No mes de maio, o punto limpo móbil visitará Santa Cilla, con localizacións en Vilatuixe do 6 ao 12, en O Chao do 13 ao 19 e en Trasmonte do 20 ao 26 de maio. O calendario pecharase en San Acisclo, no lugar da Ponte, onde o servizo estará dispoñible do 27 de maio ao 2 de xuño.
Desde o Concello lembran que este servizo está destinado á recollida de residuos que non deben depositarse nos colectores habituais, como pequenos electrodomésticos, aparellos eléctricos ou materiais perigosos, e animan á cidadanía a facer uso del para contribuír á protección do medio ambiente.