O PSOE reivindica o seu traballo na consolidación de Viveiro como destino turístico

AMariñaXa
O PSOE destaca que a estratexia promovida polos anteriores gobernos socialistas impulsou a chegada masiva de visitantes e reforzou a vida cultural e festiva da vila
Viveiro-Pleno-municipal-2025
2 Sep 2025

Viveiro viviu este verán unha das mellores tempadas turísticas da súa historia, con milleiros de persoas que ateigaron rúas, establecementos hostaleiros, comercios, praias e espazos verdes. O PSOE local subliña que este éxito non é casual, senón froito da planificación dos gobernos socialistas ao fronte do Concello nos últimos anos.

A exconcelleira de Turismo, Marisol Rey, deseñou unha estratexia sólida e ambiciosa, baseada na promoción da vila en feiras nacionais e internacionais. Non se limitou a Fitur, senón que levou o nome de Viveiro a outros foros de gran relevancia. “Viveiro foi pioneiro na participación en feiras turísticas cando outros concellos da Mariña e mesmo da provincia de Lugo non acudían. Grazas a esa aposta abrimos camiño, e despois seguiron máis concellos, o que tamén é positivo para dar a coñecer a comarca no seu conxunto”, explicou a voceira socialista María Loureiro.

Esta aposta permitiu situar Viveiro no mapa turístico todo o ano, logrando desestacionalizar a oferta, diversificar os atractivos e garantir un fluxo constante de visitantes. O obxectivo, sinalan, é “evitar que o turismo se concentre só en curtos períodos de tempo” e favorecer así a hostalaría e o comercio local cun impacto sostido.

O verán deixou tamén un balance moi positivo no ámbito cultural e festivo. O PSdeG-PSOE quixo agradecer o labor das comisións de festas parroquiais e destacou especialmente o esforzo da mocidade que este ano asumiu a organización das Festas Patronais. “O seu traballo durante todo un ano fixo posible uns festexos con identidade propia que deixaron moi satisfeita á veciñanza”, recoñeceron.

Dende o partido lembran que os distintos gobernos socialistas sempre apoiaron as festas patronais e parroquiais, salvo no 2024, cando a situación económica non o permitiu. En conxunto, defenden que Viveiro se reafirma como destino turístico e cultural de referencia grazas á planificación e ao compromiso mantido nos últimos anos.

⚙ Configurar cookies
0.16569089889526