O PSOE reivindica como propia a mellora do Estadio Marcos Gómez, executada co apoio da Deputación de Lugo

O PSOE de Viveiro celebrou a finalización da obra de renovación da instalación de fontanaría do Estadio Marcos Gómez, unha actuación cun investimento total de 18.800 euros, financiada a través dun convenio coa Deputación de Lugo. A intervención forma parte do plan de modernización das instalacións deportivas municipais posto en marcha polo anterior goberno socialista, que incluíu tamén melloras na piscina municipal e noutros espazos deportivos de uso intensivo pola veciñanza.
O Estadio Marcos Gómez é un dos principais escenarios do deporte base de Viveiro, onde centos de nenos e nenas adestran a diario e se celebran cada fin de semana numerosos encontros de fútbol, rugby e outras disciplinas. Segundo subliñaron os socialistas, a renovación da fontanaría era unha necesidade urxente para garantir o bo funcionamento das instalacións e ofrecer un servizo axeitado aos clubs e usuarios.
Desde o grupo municipal socialista lembran que esta é “unha mostra máis de que os proxectos que hoxe se executan en Viveiro son froito da planificación e do traballo do anterior executivo de María Loureiro”, quen tramitou numerosos convenios coa Deputación de Lugo para mellorar servizos e infraestruturas municipais.
“O noso compromiso foi sempre mellorar o día a día da veciñanza, mesmo nas circunstancias máis difíciles, e esta actuación é un exemplo diso”, apuntan desde o PSOE viveirense, que tamén agradece o apoio constante da Deputación de Lugo pola súa lealdade institucional e defensa da igualdade entre concellos, independentemente da súa cor política.