O PSOE reivindica a xestión previa á cesión do local municipal no casco histórico de Viveiro

AMariñaXa
Os socialistas lembran que a tramitación foi iniciada polo anterior executivo local encabezado por María Loureiro
PSOE-Executiva-Viveiro-2025
15 Jul 2025

O grupo municipal socialista de Viveiro saíu ao paso da recente entrega dun local á vila por parte da Xunta de Galicia, un espazo situado na rúa Rosalía de Castro que a administración autonómica cede ao Concello para usos municipais. A decisión, cualificada como positiva polos socialistas, serve tamén —subliñan— para poñer en valor o traballo desenvolvido polo anterior goberno local.

Segundo explican desde o PSOE, a cesión non é froito da xestión do actual executivo municipal, senón “o resultado dunha tramitación impulsada hai aproximadamente un ano pola exalcaldesa María Loureiro e a exconcelleira Miriam Bermúdez”. Ambas se desprazaron daquela a Santiago para reunirse coa Consellería de Vivenda e abordar diversos asuntos, entre eles a solicitude deste local e a situación da Casa dos Mestres para posibles vivendas sociais.

“Tramitouse todo o expediente, negociouse un alugueiro simbólico asumible para o Concello, e cando nos botaron do goberno xa estaba todo listo”, afirman. Desde o grupo socialista lamentan que, a pesar de seren quen impulsou este proceso, “non fomos informados nin convidados ao acto oficial de entrega”.

A formación que lidera a oposición no consistorio defende que o local cedido será útil para o desenvolvemento de servizos e actividades, “tendo en conta a escaseza de espazos dispoñibles do Concello”. E engaden que esta nova é unha mostra máis de que “o anterior goberno deixaba proxectos preparados e avanzados que agora se están a executar”.

Desde o PSOE critican a falta de iniciativas propias do novo goberno do PP nestes primeiros catro meses de mandato. “Non presentaron nada novo. Todo o que ensinan en fotos e redes sociais son actuacións herdadas do noso traballo. Queren facer crer que son xestións propias, pero a veciñanza sabe quen traballou de verdade por Viveiro”.

Conclúen celebrando que a xestión realizada no seu momento chegara a bo porto, e aseguran que seguirán vixiantes e activos para garantir que se recoñeza “o labor realizado polos que estivemos traballando desde o primeiro día”.

⚙ Configurar cookies
0.15940999984741