O PSOE reclama medidas urxentes contra o mal que afecta aos castiñeiros

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Reclana medidas para evitar ou mitigar o mal que está a afectar a boa parte das plantacións de castiñeiros de Ourense e de Lugo.
castana magosto outono
6 Dec 2021

A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta reclama á Xunta de Galicia que “con urxencia” adopte medidas para evitar ou mitigar o mal que está a afectar a boa parte das plantacións de castiñeiros das provincias de Ourense e de Lugo e que “ameaza con botar a perder o 70 por cento da colleita deste ano”.

Neste contexto, a parlamentaria do PSdeG reiterou súa preocupación por unha situación que está a afectar a “unha actividade fundamental” e que xera “ingresos vitais para a dinamización socioeconómica desas zonas”.

Carmen Rodríguez Dacosta  lembrou que as persoas produtoras de castaña destas dúas provincias confiaban en que a colleita deste ano fóra “excelente”, pero “a situación mudou a partir do verán”. Nesta liña, sinalou que o sindicato Unións Agrarias alertou da “incerta situación do sector” polos síntomas que evidenciaban que “estas árbores estaban afectadas por unha enfermidade foliar, o que está a provocar a perda do froito”.

Polo miúdo, indicou que os castiñeiros enfermos se detectaban en Viana do Bolo,  Riós, A Gudiña, Vilariño de Conso e A Mezquita, cunha situación similar ao que xa aconteceu en Valdeorras, e  “estiman unhas perdas entre o 70 e o 80 por cento da produción”. A maiores, o problema non so implica perdas este ano, senón que “soutos centenarios están secándose dende a parte alta e pode ser que morran se non se encontra unha solución axeitada”.

Por outra banda, Carmen Rodríguez Dacosta advertiu da falla de relevo xeracional consecuencia da despoboamento que “están as padecer as  zonas do interior das provincias de Ourense e Lugo”. Esta circunstancia tamén leva aparellada “a desaparición de persoas que saiban tratar os soutos de castiñeiros como tradicionalmente sucedía, orixinando en moitos casos a aparición de pragas e enfermidades pola mala execución dos traballos a consecuencia da falta de formación das novas xeracións”.

AXUDAS PARA O SECTOR

Neste escenario, Carmen Rodríguez Dacosta lamentou a falta de compromiso do PP e do goberno galego co sector, á marxe de meras “declaracións de intencións” que nunca acaban de concretarse. Fronte a esta actitude, recordou que o Grupo Socialista presentou unha emenda aos orzamentos para que se habiliten 2,5 millóns axudas estratéxicas o sector da castaña.

“Esas axudas”, afondou, “non so se deben destinar a minimizar as perdas nas zonas afectadas, senón que tamén terían que servir para establecer accións que impidan a propagación da enfermidade e que esta actividade fundamental para a economía da montaña de Ourense e Lugo se vexa afectada nos vindeiros anos”.

De maneira complementaria, Carmen Rodríguez Dacosta incidiu na necesidade de que con urxencia elabore un diagnóstico exacto das causas que provocaron a doenza das árbores, que se proceda a revisión do sistema de alertas fitosanitarias co fin de que se inclúan  as patoloxías que están a afectar o  castiñeiro e que se dean recomendacións oficiais aos propietarios dos soutos.

Tamén instaba á Xunta a explicar que variedades teñen previsto para mellorar tanto a produción como a calidade de castaña nos distritos produtores da mesma ou que melloras na transferencia de tecnoloxía se teñen previsto levara cabo entre o sistema de I+D galego e os produtores de castaña.

Ademais, Carmen Rodríguez Dacosta pedía que se activase o funcionamento da mesa da castaña ou cursos de formación sobre o uso sostible das masas de castiñeiro, tanto para froito como para madeira.

Por último, a deputada socialista instaba ao goberno galego a explicar que levan feito do Plan estratéxico durante este ano e que medidas prevé tomar en relación con esta enfermidade, “que pode chegar a ter unha gran virulencia”. Nesta liña, incidiu en que a elaboración do plan estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña en Galicia “non quede nunha mera declaración de intencións”.

0.19056701660156