O PSOE reclama a paralización da contratación do subdirector do Agader
O portavoz de Medio Rural do Grupo Socialista, Martín Seco, presentou onte en Comisión parlamentaria unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta que paralice o nomeamento do ex deputado do PP Moisés Blanco Paradelo como subdirector do Agader para as relacións coas GDR. Seco presentou esta proposta fronte ao caso de “nepotismo” na Consellería de Medio Rural, que foi rexeitada polo PP.
O responsable socialista acusou ao conselleiro do Medio Rural de “amañar un proceso selectivo para adaptalo ao dedillo a un compañeiro de partido” e garantirlle “unha saída laboral ben remunerada logo de quedarse fora do Parlamento nas últimas eleccións autonómicas”. Seco sinalou que “estamos a tempo de que lles entre un pouco de sentido do ridículo” e recuperar “un pouco de pulcritude” e “decencia”.
Sinalou que “a sociedade non está para tomaduras de pelo” e o rural galego “non pode permitirse converter á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural –Agader- nun chiringuito para a colocación de amigos”. Reclamou por iso que deixen deserta a convocatoria e reinicien o proceso de selección cunhas novas bases para “elixir ao traballador público coa mellor cualificación técnica e atendendo aos principios de mérito e capacidade”.
Requisitos amañados
Martín Seco explicou que a praza de subdirector do Agader fora asignada premiando criterios “insólitos” como posuír titulacións diferentes ás esixidas na convocatoria, a asistencia a cursos que non tiñan que estar homologados nin vencellados ao sector, ou aportar experiencia no ámbito da docencia. Nada que ver, sinalou, coa experiencia na xestión de subvencións, gasto público ou tramitación administrativa, e moito menos ter coñecemento acreditado no desenvolvemento rural.
Desta volta, dixo, a convocatoria da praza de subdirector xeral para as relacións cos grupos de desenvolvemento rural tense afastado dos criterios de convocatorias anteriores, onde se esixía un amplo bagaxe formativo e profesional. De feito, explica, chegaron a eximir da acreditación do coñecemento da lingua galega, e incluso pediron un informe á dirección xeral de función pública para que puidese ser cuberta por alguén que non fora empregado público.