O PSOE pide uns Orzamentos de 2026 centrados nas necesidades da veciñanza

AMariñaXa
Os socialistas reclaman máis investimento, apoio ao tecido asociativo e a recuperación de programas culturais e sociais
Viveiro-Pleno-municipal-2025
22 Dec 2025

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Viveiro vén de presentar unha proposición aos Orzamentos Municipais de 2026 ao considerar que o documento elaborado polo actual equipo de goberno non responde ás necesidades reais do municipio nin ofrece unha folla de ruta clara para o seu desenvolvemento.

Desde o PSOE sosteñen que as contas para o próximo exercicio non reflicten o anunciado “novo impulso” tras a moción de censura, senón que apostan por un modelo continuísta, sen planificación a medio e longo prazo nin unha estratexia definida de investimento. Ao seu xuízo, trátase duns orzamentos que carecen de ambición política e que non afrontan os retos pendentes do concello.

Entre as principais carencias detectadas, os socialistas sinalan o reparto desigual das subvencións, ao quedar fóra clubs deportivos e asociacións que non contaron con achegas nominativas en 2025, poñendo en risco a actividade do tecido asociativo local. Tamén critican a ausencia total de axudas ás comisións de festas parroquiais e unha dotación que consideran insuficiente para as festas do casco urbano, sen criterios equilibrados entre parroquias.

Outro dos puntos destacados polo PSOE é a eliminación de programas socioculturais de referencia, como Superarte, clave para a inclusión social, así como a non incorporación da Xornada de Historia e Arqueoloxía Marítima da Cidade de Viveiro, un evento consolidado e con proxección a nivel estatal. A isto súmase, segundo indican, a escaseza de investimentos reais, recoñecida polo propio goberno local, e unha excesiva dependencia de convenios con outras administracións.

Neste contexto, o Grupo Municipal Socialista propón introducir nos Orzamentos de 2026 partidas específicas para apoiar ás comisións de festas parroquiais, recuperar o programa Superarte, garantir a celebración da Xornada de Historia e Arqueoloxía Marítima e reforzar as subvencións a clubs deportivos e asociacións, baixo criterios de equidade, transparencia e acceso real.

Ademais, reclaman unha aposta decidida por investimentos planificados e executables, sen supeditalos exclusivamente á sinatura de convenios. Entre as actuacións prioritarias mencionan o asfaltado e a limpeza de estradas no Xuncal, As Seixas e Albo, actuacións pendentes en Escourido, a mellora da vía entre a LU-P-6601 e o Pombal en Vieiro, a reparación da rúa Lavandeiras en Celeiro, o arranxo da rúa entre a Fonte de Verxeles e o Tanatorio en Xunqueira, a rehabilitación integral da rúa Teodoro de Quirós no casco histórico e o remate do asfaltado da rúa do Paraíso.

Desde o PSOE de Viveiro conclúen que uns orzamentos municipais deben servir para mellorar a calidade de vida da veciñanza, fortalecer o tecido social e cultural e impulsar o desenvolvemento do concello, e non limitarse a un exercicio de continuidade sen ambición nin proxecto de futuro.

⚙ Configurar cookies
0.081390142440796